Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

Medio Rural da Deputación colaborou no financiamento das catas arqueolóxicas realizadas este verán no litoral de Foz 

VICERPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
medio rural
Mónica Freire
patrimonio
Foz

Medio Rural da Deputación de Lugo financiou as catas arqueolóxicas que se desenvolveron o pasado mes de agosto en Carreiro-Marzán, no litoral de Foz.  As sondaxes, promovidas polo Concello de Foz a través da Concellería de Patrimonio, Medio Ambiente, Medio Rural e do Mar,  deron continuidade ás prospeccións que se levaron a cabo durante os anos 2020 e 2021 noutros puntos da rasa costeira entre A Rapadoira e Llas, onde se localizaron estruturas murais e material cerámico que denotan a existencia dun asentamento entre o século I e II d.C.

As catas programáronse co obxectivo de seguir avanzando na documentación e contextualización do xacemento, recabando información nunha zona especialmente vulnerable ao deterioro provocado polos temporais e á acción erosiva do mar. Nas intervencións, dirixidas polo arqueólogo Roberto Bartolomé, acháronse restos de cerámicos feitos a man, que inciden na ocupación da zona nos primeiros séculos da nosa era e que contribúen a delimitar as zonas de interese para futuras prospeccións.

A deputada de Medio Rural Mónica Freire e o tenente de alcalde Francisco Xavier Fanego sinalaron a necesidade de continuar co estudo do xacemento para obter a maior información posible antes dun deterioro irreversible e destacaron o interese que a arqueoloxía e a xestión do patrimonio teñen como elemento de dinamización cultural e ferramenta educativa.

A área de Medio Rural investiu 4.000 euros nesta intervención arqueolóxica, que se suman a outras iniciativas de protección do patrimonio apoiadas pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo na comarca da Mariña, como o estudo preliminar impulsado por Mariña Patrimonio no castro de Rueta, en Cervo.

Charla divulgativa no IES de Foz

O arqueólogo Roberto Bartolomé compartiu este venres co alumnado do IES de Foz o interese dos achádegos realizados no xacemento durante estes anos, como resultado dun traballo científico, baseado en datos, co que se articula o relato histórico.