A Rede Museística pon en valor o patrimonio inmaterial ligado aos coidados con intervencións artísticas en tres museos provinciais
A vicecepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro presentou o programa de intervencións artísticas que se inaugurarán nos centros da Rede Museística Provincial ao longo desta semana, coincidindo coa celebración do Día Mundial do Patrimonio.
As accións, encadradas no proxecto “Coidados, vulnerabilidades e dependencias: Olladas desde o feminismo” impulsado pola Fundación Luis Seoane coa colaboración da Rede Museística Provincial e comisariadas por Anxela Caramés, abordan diferentes temáticas vencelladas aos coidados desde unha perspectiva feminista a través dos códigos da arte contemporánea.
Na presentación das intervencións, na que participaron Anxela Caramés e a artista multidisciplinar Carmen Llonín, Maite Ferreiro sinalou que “estas intervencións propoñen achegarse e valorar o patrimonio inmaterial, ligado á transmisión interxeneracional, unha cadea na que as mulleres tiveron tradicionalmente un papel fundamental” e engadiu “que segue a liña de traballo desenvolvida polos museos provinciais para consolidarse como espazos de memoria e de visibilización de temáticas que afectan de forma transversal á sociedade, empregando a arte e a cultura como ferramentas para promover o debate social”.
Intervencións artísticas na Rede Museística Provincial
Trátase dunha serie de intervencións artísticas que abordan varias temáticas relacionadas cos coidados desde unha perspectiva feminista, dialogando coas pezas dos tres museos da Rede Museística Provincial de Lugo, especialmente con aquelas relacionadas coas tarefas de coidado e crianza.
Museo Fortaleza de San Paio de Narla
No Museo Fortaleza de San Paio de Narla (Friol), visibilizarase o labor das coidadores de persoas maiores ou dependentes, na súa relación coa creación e a vida, suprimindo a división entre coidadora e coidada a través do traballo de Cuidadorxs invisibles, Patricia Bobillo Rodríguez e Camen Llonín.
Nas pezas sonoras Cuidadorxs invisibles de Marta Fernández Calvo recóllense testemuños orais de coidadorxs que coidan a familiares dependentes. Estes audios logo foron transformados grazas á colaboración con varios creadores musicais. O vídeo Cuidándonos de Patricia Bobillo Rodríguez relata o día a día de dúas mulleres que conviven e comparten axuda desde hai 30 anos. En Os fíos do tempo, un traballo íntimo e autorreferencial de Carmen Llonín realizado xunto coa súa nai Rosa Llonín, fotografías e bordados entralazan dúas xeracións.
Museo Pazo de Tor
No Museo Pazo de Tor (Monforte), móstrase a creación artística en relación á maternidade e á crianza co traballo de Andrea Costas Lago, Xisela Franco, Ana Gesto e Andrea Hauer.
As propostas artísticas dialogan con obxectos expostos no museo, coma o berce, a mecedora ou as pezoneiras de cristal Andrea Costas Lago presentará por primeira vez o vídeo-performance Feliz, sobre o destete dos seus fillos xemelgos, que forma parte do proxecto Desapego; xunto
cunha nova peza sonora realizada a partir do arrollo de durmir aos seus bebés. Xisela Franco na vídeoinstalación Vía Láctea representa unha maternidade en movemento, na que aparece ela mesma amamantando a súa filla nunha atmósfera acuática e inquedante. Ana Gesto realiza varias foto-accións e vídeo-accións xunto a súa filla Berta, a partir doutros proxectos (como a baralla
Mujeres Dadá promovida por Ediciones Canibaal, ou a performance Dó de peito). Andrea Hauer en Second Skin Abstract utiliza materiais reciclados da cotidianeidade —como camisetas usadas polos seus fillos ou ramas atopadas— para aludir ao traballo de coidados no ámbito privado.
Museo do Mar
No Museo o Mar (San Cibrao-Cervo), instalouse este luns unha mostra fotográfica de Mar Caldas centrada no papel de coidadoras das mulleres traballadoras, que ou ben teñen que compaxinar ambos roles no seu familiar ou deben ocuparse de dos coidados de persoas alleas para que outras persoas poidan traballar. A exposición visibilízase no exterior do edificio cunha selección de seis fotografías que penden da fachada.
Na foto: Carmen Llonín, artista que intervirá en San Paio de Narla, Anxela Caramés, comisaria das intervencións, Encarna Lago, xerente da REde Museística, Maite Ferreiro, vicepresidenta da Deputación de Lugo, e Aurelia Balseiro, directo do Museo de Lugo.