A Vicepresidencia da Deputación achega a música de raíz a nenas e nenos do Courel e da Ribeira Sacra da man de Xavier Blanco
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo achega a nenas e nenos do Courel e da Ribeira Sacra a variedade instrumental e cultural da música de raíz. Seis centros educativos destas comarcas acollen nestes días as sesións didácticas “Aprende raíz” nas que o mestre gaiteiro, artesán e investigador da cultura tradicional Xavier Blanco fai un percorrido pola historia dos intrumentos e dos xeneros musicais, cunha dinámica participativa, pensada para promover o interese pola música de raíz.
A área de Cultura financia estas sesións que se iniciaron no CEIP Uxío Novoneyra de Folgoso do Courel, o pasado venres, e no CEIP da Pobra do Brollón, hoxe luns, e que terán continuidade nas vindeiras semanas no CEIP San Clodio de Ribas de Sil (25 de novembro), CEIP Luis Díaz Moreno de Baralla ( 2 de decembro), CEIP Ricardo Gasset do Incio (5 de decembro) e CEIP de Quiroga (9 de decembro)
A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro sinalou que “estas representacións didácticas reforzan o apoio que desde a área de Cultura se presta á música tradicional, fomentando a súa presenza nas programacións e colaborando con diferentes colectivos que apostan pola investigación, conservación e divulgación” e valorou “a iniciativa de achegar ás xeracións máis novas a nosa música de raíz, que é a base e a fonte de inspiración da música actual”.
Descrición da actividade: Aprende Raíz
As sesións céntranse na demostración práctica da riqueza e variedade instrumental e cultural da música de raíz. Dun xeito activo e participativo, Xavier Blanco realiza un percorrido pola historia da música de raíz, desde os instrumentos primixenios, confeccionados con elementos da natureza (asubios, chamos, cordeiras,...) ata os instrumentos propios da música tradicional (gaita, pandeireta, zanfona, …). Acompaña ese percorrido dun repertorio que amosa a evolución dos xéneros musicais, desde a muiñeira antiga ata o paso redondo e o trastrás.
Xavier Blanco
Mestre gaiteiro, artesán e técnico en cultura tradicional, Xavier Blanco dedicou a súa traxectoria profesional e artística á recollida, catalogación e difusión de todo tipo de documentación relacionada coa nosa cultura tradicional, configurando un amplo arquivo sonoro, con pezas trasmitidas de xeneración en xeneración e unha colección de máis de 900 instrumentos tradicionais galegos, clasificados seguindo as súas características físicas, tímbricas e funcionais.
Ao abeiro da Fundación Legar, que promove xunto a Martina Ferradás, traballa nun proxecto para crear en Seara, no concello de Quiroga, un museo que acolla este patrimonio cultural.