Cultura
Deputación de Lugo

Os proxectos Proximidade Llunyana e Recolectoras da Rede Museística mostraranse en Cataluña

VICEPRESIDENCIA DEPUTACION LUGO
cultura
REDE MUSEÍSTICA PROVINCIAL
PROXIMIDADE LLUNYANA
RECOLECTORAS

Os proxectos “Proximidade Llunyana” e “Recolectoras: Memoria e Terra”, coordinados pola xerente da Rede Museística Provincial Encarna Lago, viaxan a Cataluña. Despois de mostrarse durante o ano nos museos provinciais e noutros espazos culturais dos concellos nos que naceron as súas protagonistas -como  A  Fonsagrada, Navia de Suarna ou Cervantes –,  as mostras, que se artellan ao redor dos relatos e as achegas creativas de mulleres do rural, exhibiranse no Museo de L'Hospitalet de Llobregat a partir do vindeiro 15 de decembro.

A programación das exposicións, que poñen o foco na orixe rural da comunidade galega en Cataluña, vincúlase á conmemoración do Día Internacional dx Migrante, que se celebra o 18 de decembro.

“Recolectoras: Memoria e Terra”

A  mostra, comisariada por Alexandra R. Rey, recolle as creacións realizadas por 69 mulleres que viven no rural en obradoiros e encontros coas artistas María Gar, artista gráfica e instalativa; Ana Gesto, artista visual e perfomance; Isabell Seidel, pintora; e Andrea Torres, en diferentes emprazamentos, desde os propios domicilios das participantes ata espazos cedidos por outros colectivos.

Trátase de fotografías con composicións determinadas polos relatos das protagonistas, serigrafías e pezas cerámicas que as participantes realizaron acompañadas polas artistas, que lles facilitaron os recursos e as indicacións técnicas, e inspiradas nas súas traxectorias vitais, vinculadas ao rural.

“Proximidade Llunyana”

As pezas de “Recolectoras” dialogan coa documentación, as fotografías e os obxectos recompilados no marco do proxecto Proximidade Llunyana, que recupera a memoria de mulleres rurais que emigraron a Barcelona no século XX.

As maletas que portaban as migrantes, un panel fotógrafico do Shanghái - o tren  encargado de trasportar as vixeiras á terra prometida-  e documentación achegada por familias que viviron o éxodo  rural da posguerra -fundamentalmente cartas e fotografías- forman a mostra, que pretende dignificar e visibilizar un proceso migratorio que afectou, dun modo ou outro, ás seguintes xerais ata a actualidade