Vicepresidencia impulsa un ciclo de proxeccións dun documental sobre Domingo Fontán que chegará a dez centros educativos
O documental “Fontán. O primeiro rostro de Galicia”, que relata o fito científico e técnico que supuxo a elaboración da Carta Xeométrica de Galiza polo matemático e xeográfo Domingo Fontán (Portas, 1788 - Cuntis, 1866, estrearase nunha decena de centros educativos nun ciclo de proxeccións impulsado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Na liña de colaboración que ven mantendo coa comunidade educativa, a área de Cultura promove estas sesións divulgativas, que inclúen a proxección do documental e un coloquio, coa participación de persoal da produtora Kaito Estudios e do topógrafo Manuel Amigo.
O IES Pedregal de Irimia (Meira) inaugurou este martes o ciclo, que continuará nas dúas vindeiras semanas, no IES Lucus Augusti (Lugo), no IES Ánxel Fole (Lugo), no Ies Xograr Afonso Gómez (Sarria), no IES do Camiño (Palas de Rei), no IES María Sarmiento (Viveiro), no Ies San Xillao (Lugo) , no IES A Pinguela (Monforte), no IES Monte Castelo (Burela) e no Ies Leiras Pulpeiro (Lugo).
Maite Ferreiro sinalou que “ofrecemos aos centros educativos un recurso que achega ao alumnado a un dos científicos máis relevantes na historia de Galiza, convidando a profundizar e a difundir o fito técnico que supuxo a elaboración da Carta Xeométrica de Galiza e tamén as súas aplicacións”. E destacou a “que, ademais de popularizar a obra e a figura de Domingo Fontán, é o obxectivo deste ciclo trasladar ás xeracións máis novas a importancia que ten, en xeral, o coñecemento científico”.
“Fontán. O primeiro rostro de Galicia”
O documental ten unha duración aproximada de 45 min e trata da figura de Domingo Fontán, un ilustrado, galego, xeógrafo, matemático, político e empresario, coñecido sobre todo por ser o autor do primeiro mapa topográfico científico de Galiza, a Carta xeométrica de Galiza, labor ao que adicou dezasete anos da súa vida. Foi secretario da Deputación Provincial de Galiza durante o trienio liberal, director do Observatorio Astronómico de Madrid, deputado en Cortes e Presidente da Real Sociedade de Amigos do País de Santiago.
A Carta Xeométrica de Galiza, é un mapa físico de Galiza, realizado entre 1817 e 1834. Esta obra foi o primeiro mapa topográfico e trigonométrico feito en España con métodos científicos e medicións matemáticas (triangulación, altimetría barométrica, etc).
Para cartografar Galiza, Domingo Fontán aproveitou os avances científicos da época e estableceu unha rede xeodésica, establecendo diversos puntos de medición e realizando neles todo tipo de cálculos astronómicos.
Para realizar esta carta, tivo que percorrer todo o territorio galego a pé e a cabalo. Nela catalogou, por primeira vez na historia, todas as igrexas das parroquias galegas. Recolleu tamén a totalidade dos accidentes xeográficos e acadou un nivel de detalle no mapa que non foi superado ata a aparición da cartografía por satélite nos anos 50 do século XX.
O documental serve tamén para falar dunha época, o século XIX, esencial no desenvolvemento de Galiza e chea de acontecementos e figuras históricas salientables, que se relacionan con Domingo Fontán. A temática enlaza ademais con temas de actualidade como o big data ou a xeolocalización.