Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

Medio Rural da Deputación apoia un proxecto de silvopastoreo para consolidar a revitalización de Vieiros, en Quiroga

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
medio rural
Mónica Freire
PROXECTO VIEIROS
Quiroga
SILVOPASTOREO
A área dirixida por Mónica Freire é o único apoio institucional co que conta a entidade que impulsou a recuperación da aldea

Medio Rural da Deputación de Lugo apoia a consolidación da revitalización da aldea de Vieiros, en Quiroga, que está a desenvolver a Asociación Proxecto Vieiros.

A través dun convenio de colaboración, a área dirixida por Mónica Freire, achegará financiamento para as accións previstas pola entidade que reúne a veciños e propietarios dos terreos da aldea do Courel, converténdose así na única administración que está a dar respaldo a esta iniciativa.

Concretamente, o apoio céntrase no impulso da iniciativa “Vieiros con vida” co que queren desenvolver un modelo sustentable de pastoreo que, ademais de xerar un recurso  económico para o asentamento da poboación, contribúa á limpeza dos montes e á prevención de incendios. A achega de Medio Rural destinarase á adquisición de animais e elementos básicos para iniciar o proxecto de incorporación á actividade agrogandeira.

“Asesorándonos por persoal técnico, pretendemos incorporar ovellas e cabras que se encargarán, baixo a atenta mirada de dous mastíns e un burro, de coidar e limpar o monte. Os animais son a mellor ferramenta para evitar incendios como os que desaloxaron entre fume e cinzas aos habitantes de O Courel”, explica Roi Estévez, responsable do proxecto e veciño de Vieiros, que apostou pola volta ao rural para habitar esta aldea que quedara despoboada.

A deputada Mónica Freire explicou que “claramente proxectos como o de Vieiros son un exemplo de iniciativas viables, tanto dende un punto de vista social, como ambiental e económico. Son modelo de proxectos consistentes e perdurables no tempo que non precisan de grandes investimentos, pero que son reflexo dun modelo no que o pequeno é grande e que, conxuntamente con outros e no medio prazo, poden contribuír a reverter a situación demográfica do rural e especificamente das zonas de montaña como o Courel"

A responsábel provincial sinalou ademais que  “o apoio a esta iniciativa está na liña das accións de prevención de incendios e fomento da gandería extensiva que vimos desenvolvendo durante este mandato, cun marcado carácter social e fundamentadas no factor humano como o principal compoñente de desenvolvemento rural como o programa O que non arde e  colaboracións con distintas asociacións gandeiras e entidades de asesoramento rural".

O convenio de colaboración da área de Medio Rural da Deputación de Lugo co Proxecto Vieiros ten unha dotación orzamentaria de 8.500 euros