Cultura
Deputación de Lugo

Maite Ferreiro destacou a “calidade da creación musical lucense” na presentación concerto de “Aquí non pasa nada” no Clavicémbalo

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
cultura
Maite Ferreiro
AQUÍ NON PASA NADA. JUAN CASTRO LODEIRO
CLAVICÉMBALO
Los Gansos, grupo emblemático da escena musical de Lugo, reencontrouse tras máis de dúas décadas para acompañar o acto
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo impulsou a edición do libro que se presentará, con actuacións doutros grupos, nas diferentes comarcas

Esta tarde arrancou no Clavicémbalo o ciclo de presentacións concerto do libro “Aquí non pasa nada. Historias musicais de Lugo” do músico Juan Castro Lodeiro, editado coa colaboración do Servizo de Publicacións da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro asistiu a esta primeira sesión na que o autor repasou o contido do libro, que traza a historia da creación musical na cidade e na provincia deténdose en músicos, bandas, locais e programadores que protagonizaron a vida musical de Lugo nas últimas décadas. Acompañárono Miguel Ángel Martínez, que escribiu o prólogo, e Marcos Vigo, o deseñador da maqueta.

A presentación propiciou o reencontro de Los Gansos, grupo emblemático da escena musical local dos noventa. Enrique Castro (voz), Suso Sancosmed (guitarra), Juantxo Neira (batería) e César López (baixo) volveron xuntarse para tocar no acto que serviu para reivindicar o talento dos músicos lucenses e a música en directo.

A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro valorou “o traballo de Juan Castro que con esta publicación nos recorda a variedade e calidade da creación musical lucense, facendo xustiza a bandas, locais e traballadores e traballadoras da música e da cultura” e sinalou “a necesidade de seguir apostando por artistas e grupos locais para as programacións e actividades culturais na cidade”.

A responsable de Cultura lembrou que “esta xira de presentacións e concertos chegará nas vindeiras datas a Foz, Vilalba, Sarria, Chantada e Monforte de Lemos, dando en cada punto o protagonismo a distintos grupos locais”.

Próximas presentacións concerto

22 de abril. Foz.
Sintético Fantástico

27 de abril. Vilalba
Irmandades do Falo

4 de maio. Sarria.
Malditos Roedores.

5 de maio. Chantada.
Tirapralá

10 de maio. Monforte de Lemos.
Gin Tonic´s