Maite Ferreiro deu a benvida a Lugo a un cento de estudantes que participan na Olimpíada Española de Física
A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro recibiu esta tarde no Pazo de San Marcos as alumnas e alumnos que participarán na fase final da XXXIV Olimpíada Española de Física, que se celebra esta fin de semana en Lugo.
Son cen estudantes de Bacharelato de todo o Estado, que accederon á final tras superaren as correspondentes fases locais, organizadas ao longo dos últimos meses en distintas universidades. Entre eles, Aman Santana Da Silva, estudante de 2 de BAC do IES Lucus Augusti, representante lucense na final, na que tamén participan outros cinco alumnos e alumnas de centros de ensino de Galiza.
A área de Cultura colabora coa Universidade de Santiago de Compostela e a Real Sociedade Española de Física nos gastos de aloxamento e manutención do estudantado que durante a súa estancia en Lugo coñecerá as instalacións do Campus Terra e o resto da cidade. Concretamente, o sábado realizarán diferentes actividades turísticas e culturais, con visita ao aeródromo de Rozas, ao castro de Viladonga e percorrido polos puntos emblemáticos da cidade.
Maite Ferreiro sinalou “a importancia de traer ata Lugo estas actividades, que nos permiten dar a coñecer a cidade e a provincia a rapaces e rapazas de todo o Estado, e promocionar Lugo como destino para este tipo de eventos, vinculados a un turismo de calidade” e valorou tamén “a oportunidade que supón para a proxección do Campus Terra, que recibirá estudantes que están a piques de iniciar estudos superiores”.
No acto participaron tamén o tenente alcalde de Lugo Rubén Arroxo, o vicerreitor de organización do Campus de Lugo Francisco Fraga, a coordinadora da Olimpíada en Lugo e profesorada da EPS María Villanueva e Luis Miguel Varela Cabo, da Real Sociedade Española de Físcia.
A Olimpíada de Física é un certame aberto á participación de estudantes de secundaria de todo o Estado, cuxo obxectivo principal é divulgar a física, promover vocacións e poñer en valor o estudo das ciencias.
Programa
▪ Venres 28 de abril
Proba experimental (mañá) e proba teórica (tarde) na Facultade de Ciencias.
▪ Sábado 29 de abril
Actividades turísticas e culturais. Foto oficial na Mosqueira ás 17.00 horas.
▪ Domingo 30 de abril
Acto de clausura e entrega de premios, entre as 10:30h e as 12:30 h.