Medio Rural e do Mar, Mocidade
Cultura
Deputación de Lugo

O Festival do Emigrante de Barreiros chega a 40 edición, reforzado co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
cultura
DANIEL GARCÍA
FESTIVAL FOLCLÓRICO INTERNACIONAL DO EMIGRANTE
Barreiros
O ARCO DA VELLA
FOLCLORE
Agrupacións de Serbia e Castellón e O Arco da Vella actuarán na mostra folclórica, que se celebra o 5 de agosto en San Miguel de Reinante

Daniel García agradeceu “o traballo do Arco da Vella para manter vivas as nosas tradicións” e destacou “o compromiso da Vicepresidencia da Deputación coas asociacións”

Este xoves presentouse na Praza de San Marcos o XL Festival Folclórico Internacional do Emigrante, que se celebrará o 5 de agosto en San Miguel de Reinante, en Barreiros,  e que conta co apoio da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Ensemble Nicola Tesla de Belgrado (Serbia), Grupo Danses El Raval de Vila-Real (Castellón) e a Asociación Folclórica O Arco da Vella, organizadora do encontro xunto ao Concello de Barreiros, actuarán nesta mostra internacional que  é un referente festivo e cultural para a veciñanza de Barreiros e da comarca e que conta coa distinción de Festa de Interese Turístico Galego.

O deputado de Medio Rural, do Mar e Mocidade Daniel García, a deputada de Cultura Iria Castro,  a alcaldesa de Barreiros  Ana Ermida e integrantes de O Arco da Vella participaron no acto de presentación no que a formación barreirense ofreceu media hora de actuación, que sorprendeu a lucenses e visitantes que paseaban pola rúa San Marcos.

Daniel García agradeceu a xenerosidade das persoas que integran o Arco da Vella e recoñeceu “o traballo desinteresado e o esforzo diario por manter vivas as nosas tradicións, apostando por fomentalas entre as crianzas” e “o sentimento de pobo que levades dentro”. Valorou  tamén “a aposta que desde o Concello de Barreiros se ven facendo desde o 2019 por darlle o impulso necesario ao festival, complementado nesta edición co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que mostran así o seu compromiso coas asociacións”

Nese senso, Ana Ermida incidiu na importancia de “ a coordinación e a colaboración entre todas as partes para organizar e seguir impulsando o Festival” e valorou o apoio institucional como “unha forma poñer en valor a autoorganización do pobo, o asociacionismo e darlle o protagonismo á hora de actuar como altofalantes das iniciativas sociais do pobo”.  Destacou a orixe e o espíritu co que se celebra o Festival, que traslada “o orgullo de pertenza a unha terra que trata en pé de igualdade a outros pobos do mundo, polos que galegas e galegos nos vimos na obriga de camiñar”.

O director do Arco da Vella Enrique Penabad explicou que chegar a corenta edición é “un motivo de satisfacción e sobre todo de motivación para a propia agrupación”. “Vivimos case todo o ano en función deste día. Ese día no que podemos expresar o traballo de todo o ano, das clases, do que fomos aprendendo en todos os sitios e poder mostrarlle a eses 1500, 2000 persoas que asisten habitualmente ó festival, o que é o folclore do mundo, pero sobre todo que segue viva a tradición do folclore galego. Empezamos cun lema no ano 80,”Defendamos o noso folclore” e a día de hoxe, pensando no Festival do Emigrante, está tamén presente. Sigamos nesa liña e entre todos, defendamos o noso folclore”, concluíu.

O Arco da Vella actúa como agrupación titular no Festival, abrindo e cerrando a mostra
folclórica coas súas pezas de baile e música. A última peza que representa é sempre unha
estrea.

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo achega 4.000 euros á organización do Festival, e colabora co Arco da Vella noutras iniciativas culturais como a Foliada do Emigrante.

 

Corenta anos de promoción folclore

O Festival do Emigrante naceu por iniciativa da Asociación Folclórica O Arco da Vella de San Miguel de Reinante, como unha plataforma para  presentar a formación e o folclore galego ás persoas que emigraran a Europa e que no mes de agosto volvían á casa a pasar as vacacións.

Nas primeiras edición, o festival contaba coa participación de agrupacións folclóricas
da comarca, para logo ir medrando e albergar un escenario que, nas últimas edicións, acolle grupos do resto do Estado e internacionais. A organización do Festival propicia tamén intercambios que levan á agrupación de Barreiros a difundir o folclore galego con actuacións fóra de Galiza.

A Agrupación Folclórica O Arco da Vella conta na actualidade  conta con máis de 30 compoñentes no seu grupo titular e máis de 40 alumnoas e alumnos nas súas escolas.