Cultura
Deputación de Lugo

Abre o prazo para solicitar un posto no Artesanfroilán e no Mercado de Nadal, organizadas pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
artesanía
EFRÉN CASTRO
Mercado de Nadal
ARTESANFROILÁN
A instalación nos mercados será gratuíta para as firmas de artesanía, que poden presentar as solicitudes ata o 17 de agosto

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe as convocatorias para solicitar a instalación de postos no Artesanfroilán e no Mercado de Nadal, as dúas feiras de artesanía organizadas pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo ao longo do ano para facilitar a comercialización de produtos artesáns e visibilizar o sector.

As convocatorias están abertas a artesáns e artesás da provincia, que teñan o obradoiro inscrito no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e cuxos produtos sexan exclusivamente de creación e produción propia. A  instalación nos mercados será, un ano máis, gratuíta para as firmas de artesanía, que disporán dun posto con cadro eléctrico, iluminación e enchufe para mostrar e vender os seus produtos.

O deputado de Artesanía e Deseño, Efrén Castro, explicou que “poñemos en marcha xa a organización destas dúas feiras, nas que artesáns e artesás da provincia poden amosar e vender os seus produtos no centro da cidade de Lugo, en datas sinaladas e con moita presenza de xente na rúa, como o San Froilán e o Nadal. Un ano máis a instalación será gratuíta, como mostra do apoio a un sector que, ademais de xenerar emprego e actividade, se desenvolve, en xeral, baixo criterios de sostibilidade, apelando a un consumo responsable e actualizando e dando valor a oficios e técnicas tradicionais, que forman parte do noso patrimonio cultural”.

No Artesanfroilán, que se celebrará do 3 ao 12 de outubro na Praza Anxo Fernández Gómez, ofrécense 24 postos. No Mercado de Nadal, previsto do 22 de decembro ao 5 de xaneiro na Praza de San Marcos, instalaranse 14 casetas. Unha delas estará reservada para produtos de artesanía alimentaria que se rotarán cada dous días, polo que poderá albergar un máximo de 7 obradoiros.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto, en ambos casos, ata o 17 de agosto.