Cultura
Deputación de Lugo

Daniel García inaugurou a Feira do Libro de Foz,  con oito librarías e unha trintena de actividades na Praza Conde Fontao ata o domingo

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
cultura
Feira do libro
Foz
DANIEL GARCÍA
SERVIZO DE PUBLICACIÓNS
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo conta cunha caseta propia na feira, onde poden mercarse as publicacións editadas pola área de Cultura

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora coa Feira do Libro de Foz, que se celebra do 17 ao 20 de agosto na Praza Conde Fontao con oito postos de librarías e editoriais - entre eles o do Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo-, e un amplo programa de presentacións, contacontos, sinaturas de libros e espectáculos infantís.

O deputado de Rural, Mar e Mocidade Daniel García participou esta tarde na inauguración na que explicou que “desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo colaboramos un ano máis coa Federación de Librarías de Galicia na organización desta feira,  que dinamizan as vendas das librarías e crean un ambiente propicio para o achegamento á lectura por parte de todos os públicos, con sinaturas de libros e diferentes actividades que dan visibilidade ás obras e as súas autoras e autores”.

No acto,  coa lectura do pregón a cargo do escritor de Alfoz Lionel Rexes, o responsábel provincial convidou a "visitar os postos da feira e pararse tamén no do Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo para coñecer a actividade da editorial institucional, centrada fundamentalmente na divulgación do patrimonio, da cultura e da historia das distintas comarcas” e lembrou algúns dos títulos editados nos últimos anos en relación coa comarca como “Navegando a bordo do San Lourenzo”, do focense Antón Niñe, “Viveiro 1810. Augas Mortais”, de Primitivo Marcos ou “Historias máxicas pola Mariña Encantada”, de Antonio Reigosa.

Os libros editados polo Servizo de Publicaciòns poden ollarse na caseta institucional e mercarse nos postos das librarías que participan na feira: Libraría Aguirre, A Gata Tola, Libraría Pedreira, Libraría Bahía, Libraría Aenea, A libraría de Rosa e Nobel Boiro.

Ademais da presenza na Feira, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora na organización das feiras cunha achega de 3.000 euros á Federación Galega de Librarías e co financiamento de actividades para público infantil na propia feira. Neste caso, o espectáculo “A Ramona pequena vai á lúa” de Pakolas (Galaxia), o 20 de agosto ás 19.00 horas.