Sés, Nuno Pico ou O Leo de Matamá intervirán na xornada sobre tradición oral organizada pola AELG co apoio da Vicepresidencia de Deputación

O encontro celebrarase o sábado 28 de outubro no Pazo de San Marcos

O Pazo de San Marcos acollerá o sábado 28 de outubro  a XVI Xornada de Literatura de Tradición Oral “Das regueifas ás músicas actuais, unha travesía polos mares da canción”, organizada pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a colaboración da Asociación Socio-Pedagóxica Galega.

A xornada contará coa participación de Sés, Nuno Pico, O Leo de Matamá, Alba María e Marta Veiga Izaguirre que falarán da contribución da música  -desde as regueifas aos ritmos máis actuais– á preservacion do patrimonio inmaterial.

A deputada de Cultura Iria Castro e o coordinador da xornada e vogal da  AELG en Lugo Lois Pérez convidaron a participar na xornada, que incorpora ao debate sobre a tradición oral e o patrimonio inmaterial a artistas actuais con vocación popular, que buscan comunicarse co público a través das súas cancións.

A asistencia á xornada é libre e de balde, ata completar a capacidade do Salón de Actos. Só teñen que anotarse previamente as persoas que queiran recibir a certificación de asistencia por parte da AELG ou homologación da asistencia pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Programa

10.15 Recepción, entrega de material e inauguración
10.30-11.30 Conferencia “Que é canción”
María Xosé Silvar "Sés"
11.30-12.30 Conferencia “Canto eu canto”
O Leo de Matamá
12.30-14.00 Mesa redonda. “Da tradición oral aos ritmos de ultramar e viceversa”
Sés e O Leo de Matamá
Coordina: Lois Pérez
16.00-17.00 Conferencia. Un país no palco: a nova verbena galega
Marta Veiga Izaguirre
17.00-18.00 Conferencia. Cantar a verdade, toda a verdade e nada máis que a verdade (na medida do posible)
Nuno Pico (Grande Amore)
18.00-19.30 Mesa redonda. Que hai de novo, festeir@s? Vangarda e tradición da festa e do canto
Marta Veiga Izaguirre e Nuno Pico (Grande Amore)
Coordina: Eva Teixeiro
19.30-20.30 Sesión práctica: Erre que Erre: da Regueifa ao Rap
Alba María