As palilleiras de Sarria recuperan o seu tradicional encontro o 16 de marzo
O tradicional encontro palilleiro de Sarria volve o 16 de marzo, tras catro anos de parón, da man da Asociación de Palilleiras Camiño de Santiago de Sarria. A Xuntanza de Palilleiras e Labores Artesanais Vila de Sarria chega así á novena edición co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O vicepresidente e deputado de artesanía e deseño Efrén Castro entregou a usuarias da entidade material para repartir entre os asistentes á xornada, que se agarda que ronden as 300 persoas. Os libros “Samos” e “Ourivería antiga do Museo Provincial de Lugo”, ambos editados polo servizo de Publicacións da institución provincial, forman parte desta colección que se levarán as palilleiras, así como artesanía de Pablo Mazoy, Rosa Jove e Nacho Porto, coas que se recoñece o traballo das outras entidades participantes.
“Citas coma esta permiten conservar o noso patrimonio artístico e material e dar a coñecer un traballo que, sobre todo, avoas e nais conservan grazas aos seus antepasados. Con esta xuntanza podemos achegarnos a novas xeracións, algo esencial para que sobrevivan oficios e traballos coma este”, explicou Efrén Castro.
Dende a agrupación sarriá móstranse con ilusión ante a novena edición dunha cita que recuperan tras un cambio na directiva e coa que recoñecen, esperan chegar a un gran público e “encher o pavillón do Chanto con mulleres e homes de todas as idades co único obxectivo de conservar este arte”.