Cultura
Deputación de Lugo

Inaugurada a mostra “As 7 e 7”, un percorrido pola creación feminina galega no século XX baixo a ollada de artistas emerxentes

As 7 de 7
MUSEO DE LUGO
REDE MUSEÍSTICA PROVINCIAL

Esta tarde inaugurouse no Museo Provincial de Lugo a exposición “As 7 e 7”, con obras de Andrea Otero, Noa Costas Martín, Christina Chiarroni, Carmen Quintáns, Sabela Eiriz, Greta Debelius e as irmáns Noa e Lara Castro Lema.

Trátase de artistas galegas emerxentes que achegan á mostra cadansúa obra, realizadas a partir de pezas de Maruja Mallo, Xulia Minguillón, Mónica Alonso,  María Luísa Pérez Herrero, María del Carmen Corredoira, Violeta Bernardo e María del Carmen Álvarez de Sotomayor y Castro, que forman parte das coleccións e exposicións permanentes do Museo Provincial de Lugo.

Cada nova obra exponse a carón da peza referente, xenerando unha mostra colectiva que visibiliza artistas que dan os primeiros pasos no mundo artístico, a carón doutras consagradas, poñendo en valor a creación feminina galega ao longo dos séculos XX e XXI.

A exposición culmina o proceso creativo que as artistas iniciaron hai un mes, cunha visita ao Museo Provincial de Lugo na que elixiron a obra  que tomarían como referencia.

O proxecto, comisariado por Sergio Marey,  pretende incidir tamén na educación na arte, especialmente no relativo a arte das creadoras contemporáneas

Con esta vontade educativa e divulgativa,ao longo do mes de marzo organizaranse os obradoiros “Vendo como ver” ou “Vexo, vexo que ves” sobre a linguaxe e as técnicas da arte contemporánea, visitas guiadas e mesa redonda coas artistas “As Mulleres na Arte: retos e dificultades”, que estará moderada por Mónica Alonso.

AS 7 e 7

As obras de “As 7 e 7”, con notas das súas autoras

Alalá
2’48’’
HD vídeo, cor, son
Noa e Lara Castro Lema
Inspirada na obra  de Violeta Bernardo ubicada no Xardín do Museo Provincial de Lugo.

O termo alalá relaciónase cun dos cantos máis antigos da tradición musical galega, melancólico e serio, coa alegría e a esperanza na lingua caló, e coa imposibilidade da fala na súa orixe grega. Neste espazo ambiguo e contradictorio, poden converxer a dor e a memoria, a transformación, e o potencial significativo do cuidado, dun comezo, dun consolo, e mesmo todas as sombras nunca visibles do embarazo. Estas sombras ou pantasmas, non teñen que ver co negativo senón co invisible, ou máis ben co invisibilizado, tabúes da experiencia materna (case) sempre representada dende a fantasía e o eufemismo a través dunha cultura visual e narrativa prevalentemente patriarcal.

A xestación é un universo rico e complexo, que trascende o xénero e as especies e que aínda hoxe permanece inexplorado, afogado baixo tabúes e clichés, coma as propias persoas xestantes, nais, no sentido máis amplo e interseccional do termo.

Esta pequena peza, un breve conto escuro de sombras e cantos, entrenza un paxariño da nosa avoa Julia, a peza cerámica de Violeta Bernardo e a canción que vén da mente de Rosalía, á luz dos fráxiles ovos de galiñas descoñecidas. Na penumbra do alalá quedan a violencia e a dor, os vínculos, as expectativas e as necesidades e afectos persoais.

Limiar
Fotografía dixital. Díptico montado en marco de madeira de doble cara. Impresión Inkjet
en papel de algodón Fine Art Portrait Rag 285gr.
31,5x43cm
Sabela Eiriz
Reinterpretación da obra Ambiente de paz de María Carmen Corredoira

¡Ay de las frentes que no se arrugan!
¡Ay de los ojos que no han llorado!
Son como campos que no dan fruto.
Son como fuentes que se han secado.
(María Carmen Corredoyra, 1946)

Atópome ante un interior conventual, característico na produción artística de María Corredoira, no que se abre unha porta que nos deixa asomarnos brevemente a un espazo privado. Chámame ao ollo un encadre que evita a frontalidade, que recorta bruscamente o marco da parede e que ten algo de fotográfico (algo de real e algo profundamente evocado). Aparece entón un pensamento: é unha dúbida sobre se cruzar ou non o limiar e invadir a súa intimidade. Avanzo e profundizo nesa atmosfera silenciosa como tratando de introducirme no oco da luz, accedendo ao trampantollo proposto pola pintora para determe nos xogos de luces e sombras que ocupan o baleiro da imaxe. Dende ese lugar, persigo o rastro humano. Malia que non hai persoa visible, todo o que hai aí fala de alguén. A ausencia revélase e logo rebélase. Desprázome ata determe no máis pequeno que atopo, o único elemento que de ningunha maneira puido sobrevivir á pausa da pintura: unhas floreciñas que alteran a paleta de ocres, beixes e marróns, e que rompen o tempo detido da imaxe ao evidenciar a súa caducidade. Agora o raio de luz atravesa o pétalo e extende dende o seu interior unhas cores violáceas como buscando unha veladura fotográfica, como se a foto deixase de ser foto. Estamos noutro lugar.

Guía postal de Vigo
Técnica Collage/Técnica mixta
60x90cm
Greta Debelius
Obra realizada a partir de Guía Postal de Lugo de Maruja Mallo

Partindo da base compositiva do cadro ó que referencia, “Guía postal de Lugo” de Maruja Mallo, a peza superpón capa sobre capa dun percorrido dende o espazo común dos mapas turísticos e postais de Vigo ó ámbito privado en forma de transfers de fetiches persoais, obxectos máxicos cos que a artista convive. A dualidade da peza orixinal na que contrastan a tradición da provincia de Lugo coa visión de Maruja Mallo dunha modernidade desenfreada con rañaceos, avión e coches de carreiras vese substituída nesta peza polo contraste entre a visión máis turística e impersoal da cidade de Vigo e a acumulación de símbolos completamente alleos á vida pública da mesma. Igual que na peza orixinal, nesta tamén ocupa o centro da composición o patrón persoal da artista, así como os seus anxos, leóns e custodia no lugar que lles corresponde. 


Acqua alta (Venecia después de María Luísa Pérez Herrero)
Acqua alta (desde mera)
Acrílico sobre lenzo
100x100cm e 100x90 cm
Carmen Quintáns
Obras realizadas a partir da obra Venecia de María Luisa Pérez Herrero.

A obra está formada por dúas composicións de cor: Acqua alta (desde Mera) e Acqua alta (Venecia despois de María Luísa Pérez Herrero). Ambas son impresiones de dous escenarios diferentes. María Luísa Pérez Herrero foi unha paisaxista que tras o seu paso pola mítica academia de San Fernando foille concedida unha beca para traballar dende diferentes cidades europeas. Desta tempada entre Francia, Bélxica ou Italia nace a escollida “Venecia”. Carmen contrasta así esta información coas súas experiencias como artista beneficiaria de becas no estranxeiro e recupera fotografías da súa viaxe a Venecia no 2019, onde se atopa co fenómeno de acqua alta. Neste momento do pasado inspirase a obra Aqcua alta (Venecia despois de María Luisa Herrero). A segunda composición, Acqua alta (desde Mera) , observa a paisaxe dende o presente un día de marea alta en Mera (Oleiros, A Coruña). Ambas obras, a diferencia das pinturas paisaxistas clásicas, contemplan o escenario dende planos cenitais.

Mullidito
Pintura cristal, metacrilato, impresión 3D e almofada
75 x 65 x 30 cm
Cristina Chiarroni
A peza toma como referencia a obra Adosados III de Mónica Alonso.

A obra Adosados III de Mónica Alonso leva a cabo unha revisión do espazo arquitectónico a través da recreación dun edificio onde viviu a artista durante anos, nun intento de descubrir o seu interior e as conexións entre os seus habitantes.  Mullidito sintetiza estes conceptos chave e explora unha visión máis intimista e introspectiva do espazo doméstico. Represéntase un ambiente de ensoñación e confort que toma a cama como elemento central e actúa como vínculo entre as dúas obras. Esta aproximación ás camas —tan presentes no traballo de Mónica Alonso— abórdase dende a acción do descanso e o soño.

No canto de representar o espazo onde as persoas cohabitan —e soñan—, óptase pola representación desa mesma acción. Para iso, créase unha superposición de capas xerada polas placas de soños, mediante o emprego dunha pintura cristal para niñes e recuperando unha vella almofada que pertenceu ao berce da miña nai. Esta alusión á infancia é recorrente en moitos dos meus traballos e está moi ligada á miña maneira de percibir o fogar.

Así mesmo, ao abordar a complexidade da representación onírica, xorden preguntas e reflexións ao redor da influencia das cores no soño e as formas que este pode adoptar, especialmente durante a etapa infantil.

Mirando ao espectador e esbozando un sorriso
Técnica Mixta (ensamblaxe, escritura, pintura)
106 x 88 cm
Noa Costas Martín
A obra preséntase en diálogo co cadro “Grupo aldeán” de María del Carmen Álvarez de Sotomayor .

A peza garda a mesma dimensión ca o cadro orixinal e pretende ser unha resposta á falta xeral de información e estudo da propia artista polo feito de ser muller, así como de tantas outras; suplidos neste caso polo relato de vida do seu pai e o seu marido. O texto que presenta é en parte un collage doutros textos existentes, parcialmente da biografía e vida dos homes antes mencionados. Inda que vemos un cadro poderíamos pensar que lle falta un cacho, pois os datos que temos para descodificalo están incompletos. Hai un oco no propio cadro, na nosa historia, na nosa arte e polo tanto no noso presente. O cadro coma obxecto en si mesmo non é garantía xa de nada.

Dunha maneira similar, vémola a ela a través da vida e dos ollos das figuras masculinas máis relevantes da súa vida. Canto do que vemos e sabemos é realmente ela? Sen poder evitalo, movémonos nesta fenda entre o que cremos saber e o que é.

O título da peza ven dunha descrición por parte do Museo de Belas Artes da Coruña dun retrato da propia artista sendo esta nena, feito polo seu pai e titulado “María del Carmen, hija del pintor”, que reza o seguinte: “Retrato de figura infantil de medio cuerpo, con el cabello rubio y vestimenta de tonos claros, mirando al espectador y esbozando una sonrisa.”

Sen Título
Roupa e fío
116 x 430 cm
Andrea Otero Vázquez
Realizada a partir da obra Agonía de Julia Minguillón

Trátase dunha composición abstracta feita a partir dun conxunto de recortes de teas refugadas que se xuntan formando unha retícula. Esta peza pertence a unha serie de pinturas que se constrúen a partir de recortes uniformes de camisetas e pantalóns en desuso compoñendo unha secuencia de cores.

Déixome levar pola intuición ao coser os retais; o debuxo vai xurdindo coa información que contén cada recorte: marcas de suor e graxa máis as propias costuras das prendas quedan visibles para se moveren cara a diferentes direccións.

No cuadro de Julia, aparecen as 3 marías aos pés da cruz. Unha delas suxeita a tela na que foi envolto Cristo tras  a crucifixión. Ela emprega o óleo para reproducir a escena i eu, con camisetas usadas polos traballadores dun restaurante, tento achegarme ás dimensións do sudario e á paleta da artista.