A área de Cultura homenaxea o labor da mestra mindoniense Andrea López Chao na migración
A área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo levará a cabo mañá, martes 5 de febreiro, no Salón de Actos do Pazo de San Marcos a presentación do libro de actas ‘Camiño de Santiago e Emigración. Homenaxe a “Andrea López Chao”’. O acto, que comezará ás 20 horas, contará coa presenza da deputada de Cultura Iria Castro e do doutor en Estudos Culturais e coordinador das actas das Xornadas do peregrino Abrindo Camiño Daniel Vázquez.
Este acto recoñece o traballo da mestra mindoniense Andrea López Chao emigrada a Cuba onde desenvolveu, a comezos do século pasado, unha labor pioneira na defensa do dereito á saúde e á educación das mulleres. Durante todo o acto estará presente a música de Tropupelear con Branca Villares e Pablo Pintor.
Esta presentación continuará co coloquio “Muller e familia: 100 anos entre a miña bisavoa e eu” e a proxección do teaser “O Poder de Educar: Andrea López Chao”, no que participarán a directora do documental Violeta Ramos, a doutora en psicoloxía na Universidade da Habana e bisneta de Andrea, Patricia Arés Muzio; o cronista de Mondoñedo Antonio Reigosa e Daniel Vázquez. Tamén se levará a cabo a presentación da páxina web https://opoderdeeducar.es/ na que se recompila o traballo realizado sobre a figura de López.
Vázquez detallou que esta actividade busca dar a coñecer a imaxe de Andrea López, “cúmbrense 150 anos dende o seu nacemento e a súa labor ao chegar a Cuba foi esencial para as mulleres galegas, dando acceso ao sistema sanitario sen importar a súa condición. Andrea foi un referente feminista, en educación, igualdade e migración, e o seu esforzo sentou as bases sociais para as emigrantes galegas en Cuba”.
Andrea López Chao
Nada en Mondoñedo en 1874, Andrea López Chao emigrou a Cuba en 1904 despois de gañar por oposición a praza de directora do Plantel Educativo do Centro Galego da Habana. Foi a primeira muller Vicepresidenta da Sociedade “Hijas de Galicia” e como representante deste colectivo, que chegou a perto de sesenta mil asociadas, participou no “I Congreso de Mulleres de Cuba” celebrado en 1923.
Participou na creación en 1917 da Sociedade “Hijas de Galicia” para axudar, acoller e asistir sanitariamente as mulleres galegas emigradas en risco de exclusión social e para elo impulsa en 1924 a creación do Hospital e posteriormente do Balneario de “Hijas de Galicia- Concepción Arenal”.