Os concertos de Brúa, Tanto nos ten e Banda Xangai poñerán o broche á VIII Foliada Nordestía, o 23 de marzo en San Cibrao
A asociación A Rebolaxe presentou esta tarde a VIII Foliada Nordestía, que se celebra o sábado 23 de marzo en San Cibrao, no concello de Cervo, e que conta coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O deputado de Mocidade Daniel García e a deputada de Cultura Iria Castro participaron na presentación deste encontro de música tradicional, que terá como pratos fortes os concertos de Brúa, Tanto nos ten e Banda Xangai a partir das 21.30 horas na Praza dos Campos.
A xornada comezará cos Cantos de Taberna, no que participan 16 colectivos da comarca da Mariña, da provincia de Lugo e tamén de concellos coruñeses – A Rebolaxe, Os Misturos, Cordenaia, Fol do Raxal, Buxos Verdes, SCR Ledicia, ACM Arume, Silbarda, Os do 21, Os Xílgaros de Lugo, No Cómbaro, Os netos do escribano, Os feroces da galgueira, Pandeireteiros do inferno e Amiguinhas Foliadeiras- Dende as 12 da mañá e durante tres horas, os locais de San Cibrao contarán coa visita das distintas agrupacións que animarán a mañá. Posteriormente celebrarase o tradicional xantar popular no que se esperan unhas 300 persoas e que continuará con foliada.
Dende a organización aseguran o éxito da edición e invitan á veciñanza a participar na foliada e encher a vila de música e festa durante toda a xornada. Daniel García e Iria Castro amosaron o apoio a esta cita que “demostra que a nosa cultura e a nosa tradición están moi presentes e, dende a Vicepresidencia, estamos a carón da organización destes encontros por recuperar o noso valor como pobo e transmitilo ás novas xeracións”