A Vicepresidencia da Deputación profundiza na formación en música medieval coa segunda edición do curso “Sons dos camiños”
O Centro de Artesanía e Deseño acollerá do 25 ao 28 de abril a segunda edición do curso de interpretación de música medieval Sons dos Camiños, da man de intérpretes de recoñecemento internacional como Manuel Vilas, Bor Zuljan, Begoña Olavide, Paloma Gutiérrez del Arroyo e Francisco Luengo, que se encargará tamén da dirección e da coordinación.
O vicepresidente da Deputación de Lugo e deputado de Artesanía e Deseño Efrén Castro explicou que “a segunda edición desta formación dá continuidade ás actividades impulsadas desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo para situar Lugo como un lugar de referencia na formación e na interpretación da música antiga e medieval, poñendo en valor o patrimonio musical que alberga o Centro de Artesanía e Deseño froito do traballo de investigación e reconstrución de instrumentos históricos que a institución desenvolveu ao longo da súa traxectoria” e convidou a músicos interesados nestes estilos a anotarse no curso, que é gratuíto.
Contidos
A segunda edición do curso de interpretación da música medieval Sons dos camiños vertebrarase en torno ao Códex Calixtinus, e principalmente á monodia conservada neste famoso manuscrito do século XII.
As voces traballarán pezas de tradición oral e sobre o propio manuscrito, así como notacións máis antigas (neumas primixenios dos séculos IX e X) que codifican outras pezas que serviron como modelo para construír a liturxia do apóstolo Santiago. Todo iso, co obxectivo de entender a modalidade medieval e o xesto vocal destes cantos e de trasladar eses coñecementos á memorización e á codificación de pezas melismáticas e de ritmo libre da tradición oral viva.
Os instrumentos traballarán pezas instrumentais do repertorio medieval, danzas e cantigas. Impartiranse clases de técnica adaptada ao nivel de cada participante. Tamén teranse que enfrontar ao reto de como acompañar a monodia vocal, cando non hai apenas indicacións nen indicios de como era esa práctica. Igualmente, terán que coñecer a modalidade medieval e descubrir os recursos de imitación, glosa, etc. característicos das culturas musicais que aínda hoxe cultivan a música monódica.
Profesorado
Dirección do curso: Francisco Luengo
Canto: Paloma Gutiérrez del Arroyo
Sempre dedicada á música e doutora en biofísica polo CSIC-UAM, Paloma Gutiérrez del Arroyo dedícase á música medieval desde 2009. Estudou repertorios vocais medievais principalmente en París (Univ. Sorbona, París IV-Conservatorio Superior de París, CNSMDP) e Basilea (Schola Cantorum Basiliensis) con grandes mestres e intérpretes destes repertorios. A día de hoxe, actúa principalmente cos conxuntos Proyecto EVOCA e Cantaderas e a dúo co arpista Manuel Villas. Xunto a estas dúas últimas formacións, gravou dous discos para os selos Et'cetera-records e Arion. En 2016 fundou a Escuela de Música Medieval y de Tradición Oral dentro da Institución Libre de Enseñanza (Madrid), e imparte regularmente cursos invitados por conservatorios, universidades, museos e outras institucións de España, Francia, Suíza e Italia
Arpa medieval: Manuel Vilas
Vilas colaborou con numerosos grupos de música antiga en festivais de Europa e América. Tamén realiza concertos como solista con programas centrados na música barroca ibérica, americana e italiana e participou en máis de 100 discos con diversas discográficas e grupos musicais especializados, como solista ou acompañante. Asemade, é pioneiro no estudo e investigación de certos tipos de arpas hoxe totalmente esquecidas, coma a arpa xesuítica chiquitana (Bolivia, século XVIII), a arpa dobre da coroa de Aragón do século XIV e, recentemente presentou no Festival de Música e Musicoloxía iberoamericana (Montevideo, Uruguai) o seu estudo sobre a arpa do Virreinato do Perú e a reprodución da arpa de Santiago Apóstol de Huachacalla (Oruro, Bolivia, século XVIII).
Corda pulsada, cítolas e laúdes: Bor Zuljan
Actúa regularmente tanto como solista como con diferentes grupos, como Doulce Mémoire, Tasto Solo, Graindelavoix, L'Achéron, Vox Luminis, Il Giardino Armonico, cos xemelgos Teofilovici, en dúo con Dušan Bogdanovic, con Romain Bockler (Dulces Exuviae). , así como co seu conxunto La Lyra. Desde 2011, é o director artístico do festival de música antiga Flores Musicae en Eslovenia. En 2007 comezou a estudar na Haute Ecole de Musique de Genève, onde obtivo unha licenciatura e un máster en interpretación de guitarra e laúde (Dusan Bogdanovic, Jonathan Rubin), continuou coa especialización en música medieval e rematou un máster en pedagoxía do laúde. Dende 2011 traballa como axudante de investigación na mesma escola, nun proxecto sobre a improvisación da Fantasía ao laúde no século XVI, tema que está a desenvolver para a súa tese de doutoramento na Universidade de Tours.
Salterios medievais: Begoña Olavide
Olavide conta cun amplo percorrido musical que arrancou na década dos 80 e que lle permitiu levar a súa arte por países de toda Europa, América, Asia ou África. Na actualidade adícase ao Salterio e fundou Cálamus e Mudéjar, grupos que contribuíron no panorama da música antiga estatal con innovadoras propostas para a súa evolución
Corda frotada, violas, gigas e organistrum: Francisco Luengo
Francisco Luengo será o encargado da formación en corda frotada, violas, gigas e organistrum. Comezou a aprender a viola da gamba con José Vázquez en1981, ingresando na Höchschule für Musik de Viena en 1988 e dirixiu Capela Compostelana dende a súa formación.
Desenvolvemento
O curso desenvolverase no Centro de Artesanía e Deseño os días 25, 26, 27 e 28 de abril, en horario de mañá e tarde.
As mañás contarán con sesións de técnica individual e colectiva en horario de 10 a 14 horas polas mañás, cunha pausa ás 12 horas.
As tardes comezarán ás 16:30 horas, cunha exposición a cargo de cada un dos profesores sobre aspectos relevantes de elementos interpretativos, estilísticos, históricos e funcionais. Continuarán ás 18 horas con clases de instrumento e conxunto instrumental.
O alumnado disporá de instrumentos do CENTRAD ou dos profesores, para que os utilicen aquelas persoas que non teñan un instrumento axeitado.
Concerto aberto ao público
O curso rematará cun concerto final do alumnado, no que interpretarán obras individuais ou preparadas nas clases de música de cámara. A actuación celebrarase o domingo 28 na Capela de Santa María (19.00 horas)
Instrumentos medievais
O Centro de Artesanía e Deseño acolleu en abril do ano pasado a primeira edición do curso de interpretación de instrumentos medievais Sons dos Camiños, daquela centrado nas Cantigas de Santa María e no repertorio de trobadores como Martín Códax ou o Rei Don Dinis.
A comezos de marzo, desenvolveuse alí unha xornada de iniciación aos instrumentos medievais de vento, a cargo do musico e artesán de instrumentos tradicionais Olimpio Xiráldez. Ademais, desde o ano 2021, a área de Artesanía e Deseño organiza o encontro Celme de Zanfona, que reúne en Lugo a músicos e persoas estudosas deste instrumento de orixe medieval.
No relativo á actividade expositiva e de difusión do patrimonio, o Centro de Artesanía e Deseño conta cunha Colección de Instrumentos e Obxectos Sonoros que inclúe un representativo conxunto de instrumentos medievais construídos a partir da iconografía da época. Unha escolma deses instrumentos estase a mostrar en distintas localidades de Galiza e do resto do Estado coa exposición itinerante “A memoria do son”