Cultura
Deputación de Lugo

A Asociación de Gaiteir@s Galeg@s organiza en Seceda do Courel as II Xornada sobre a Carballesa

Seceda do Courel
Xornada sobre a Carballesa
IRIA CASTRO
Esta xornada terá lugar o vindeiro domingo día 20 de abril en Seceda do Courel

A AGG, xunto co Concello de Folgoso do Courel e a área de Cultura da Deputación de Lugo, organizan o vindeiro domingo 20 de abril, a segunda edición das xornadas sobre a CARBALLESA, que terá lugar en Seceda do Courel.

Esta idea xurdiu para intentar que non esvaeza unha das riquezas culturais que hai na zona oeste do Concello de Folgoso do Courel.  Neste recuncho do concello, nas parroquias de Eiriz, do Carballal, de Seceda e no veciño Val do Incio, tocábase e bailábase unha muiñeira característica que se chama Carballesa.

Sentimos que temos a obriga, en honor a gratitude a todos eles, de loitar por conservar o noso; e ademáis homenaxear e lembrar aos nosos antecesores e as súas ensinanzas e tamén a toda a xente que traballou e que fixo recollidas para que estas riquezas culturais chegaran ata os nosos días. 

E queremos facelo con esta xornada sobre a Carballesa, na que temos previsto realizar un Obradoiro teórico-práctico de Carballesa, que impartirá Montse Rivera, facer unha sentida homenaxe aos informantes, músicos e bailadors da zona, e facer posteriormente un filandón aberto para todos os e as asistentes, onde haberá “Contos da Serra”, o concerto do grupo de música tradicional Tres Pesos, e rematarase o día cun baile no que participarán tamén os grupos Airiños do Neira, Grupo de canto e baile do Courel e o grupo Macizas de Trives

Esta actividade contará tamén coa colaboración dos artesáns Xosé Maceda e Armaior e da empresa Caurelor.

Animámosvos a todas e a todos a acompañarnos nesta xornada, a desfrutar da nosa música e do noso baile e convidámosvos a que traiades os vosos instrumentos, e a gozar dun marabilloso día cheo de música tradicional e a maiores, nun entorno incomparable. 

Programa II Xornada de CARBALLESA

20 de abril de 2024 – Seceda do Courel

11.00 horas - Obradoiro teórico práctico de Carballesa - imparte Montse Rivera. 
13.30 horas – Descanso para merenda. (A merenda correrá por conta propia* haberá unha cantina para ofrecer bebidas).
17.30 horas – Homenaxe a informantes, bailadores e músicos da zona. 
18.00 horas – Filandón

  • Representación veciñal e “Contos da Serra”
  • Concerto de TresPesos
  • Baile e música coa participación de Airiños do Neira, Grupo de canto e baile do Courel e o grupo Macizas de Trives. 

*Posibilidade de cea cos postos de O sabor dos Ancares A Carqueixa e pizzas artesás de A Cova das Mouras.

A través de actividades como esta, pretendemos non só difundir a cultura tradicional, senón que ademais queremos fomentar este tipo de encontros, que consideramos imprescindibles, para contribuír e potenciar a divulgación da nosa cultura e a súa conservación.
Dende a AGG traballamos arreo para que a nosa cultura e as nosas tradicións non caian no esquecemento e sexan un patrimonio vivo do que sentirnos orgullosos.

Montserrat Rivera
Dende moi nova, Montserrat Rivera participa en diferentes agrupacións folclórica galegas, chegando a desempeñar durante cerca de 9 anos o cargo de directora do corpo de baile e pandereteiras da prestixiosa Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos (Santiago de Compostela) e dende o ano 2012 leva a direción do Grupo de Baile Brincadeira (Santiago de Compostela).

Desenvolve unha incesante actividade como mestra de baile, pandeireta e canto tradicional galego para diferentes Asociacións, Institucións e Festivais tanto a nivel nacional, como internacional (Portugal, Alemaña, Venezuela, Arxentina, Bélxica, etc.).

Dende o ano 1989, forma parte do grupo de pandereteiras Leilía co que ten publicados cinco traballos discográficos, ofrecendo concertos en multitude de países, e colaborando en innumerables traballos discográficos e audiovisuais con artistas da talla de Milladoiro, Xosé Manuel Budiño, Kepa Junquera, Brigada Victor Jara, Emilio Cao, etc.

No 2008 xunto con Mercedes Prieto crea o grupo Pesdelán, co que ten dous traballos publicados: “Na Punta do pé” e “Entroidanzas”.

Posúe un valiosísimo arquivo audiovisual conxuntamente con Felisa Segade, froito de máis de 30 anos de investigación etnográfica por toda a xeografía galega (vestiario, tradición oral, musical e baile), ó que se engade a participación en congresos, cursos e conferencias relacionadas coa cultura e tradición galega.

Tres Pesos: 

Felisa Segade, Xoan Porto e Xosé Antón Ferreira (Pepe de Calo) son Tres Pesos. Tres xeitos de facer, tres adictos á nosa música, tres caras da mesma moeda. Un proxecto, un soño. Tres músicos, tres voces e tres vidas vinculadas a ducias de proxectos culturais; Malveiras, Colexiata, Pradairo, Limagoia, A Ponte Vella, Ker-cuez, Estivada de Calo, Arreixeira, Leilía, Liceo de Noia, Brincadeira,... centos de horas sobre o escenario e miles fóra del soñando coa nosa música, coa nosa tradición. A música é matemática e a matemática deste trío devolve nesta ecuación un resultado entrañable.

Para máis información: Asociación de Gaiteir@s Galeg@s- 626705708 / 982229966.

Xornada Carballesa