A Vicepresidencia da Deputación e a Asociación Corripa organizan unha nova edición de Ciencia na aldea, do 26 ao 28 de abril en Negueira de Muñiz
Daniel García subliñou "a necesidade dun apoio real ás persoas que habitan no rural para preservar o noso patrimonio natural"
A área de Rural da Vicepresidencia Deputación de Lugo impulsa a cuarta edición das Xornadas de Desenvolvemento Rural Ciencia na aldea, que se celebrarán do 26 ao 28 de abril no ecomuseo El País del Abeyeiro, en Negueira de Muñiz, da man da Asociación Corripa.
O deputado Daniel García presentou o programa esta tarde, acompañado por Vanessa Paredes e Alberto Uría, presidenta e vicepresidente da Asociación Corripa, e polo divulgador científico Manuel Vicente e polo biólogo Martiño Cabana, que tomarán parte nas xornadas, cunha ducia de ponencias e mesas redondas sobre a biodiversidade, con especial atención ao mundo dos insectos e a especies ameazadas, e a divulgación científica como instrumento para extender a sensibilidade ambiental e promover a conservación dos entornos rurais
A Martiño Cabana e Manuel Vicente súmase unha ampla nómina de investigadoras e científicos de diferentes ámbitos, desde o estudo dos insectos ata a neurobioloxía, a astrofísica ou a seguridade alimentaria, así como xornalistas e divulgadores científicos de referencia no ámbito estatal. O programa inclúe tamén unha ponencia sobre o funcionamento do Parque Biolóxico de Gaia, en Portugal, referente en educación ambiental en Portugal.
Alberto Uria lembrou que “Ciencia na aldea naceu para achegar a ciencia ao rural, á vida das aldeas e á biodiversidade que hai nelas a través de relatorios e mesas redondas con algúns dos científicos máis importantes do Estado” e destacou que “nesta edición queremos ir un paso máis aló e darlle proxección internacional coa participación de ponentes de Portugal”.
Daniel García destacou “a continuidade que desde a área de Rural e a Asociación Corripa lle estamos dando a este encontro de carácter científico e divulgativo que profundiza na importancia de conservar as nosas paisaxes e o noso patrimonio natural, algo que só é posible cun apoio real ás persoas que desenvolven os seus proxectos profesionais e vitais no medio rural”
O deputado provincial destacou tamén que “as tres anteriores edicións avalan estas xornadas que implican moitas persoas, participantes e ponentes, dinamizando e dando a coñecer a zona por todo o Estado” e valorou tamén “as actividades de educación ambiental organizadas pola Asociación Corripa ao longo de todo ano”.