O Museo Provincial de Lugo acollerá o curso "Tempo de Arte. Obras de Museo", un percorrido polas pezas da institución da man do Grupo de Investigación Iacobus
As persoas interesadas en participar teñen que anotarse no enderezo electrónico tiempodearte2024@gmail.com
O Museo Provincial de Lugo acollerá os vindeiros 21 e 23 de maio o curso “Tempo de Arte. Obras de Museo”, organizado polo Grupo de Investigación Iacobus da USC coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O curso, coordinado polas investigadoras e profesoras de Historia Miriam Elena Cortés e Patricia Cupeiro e pola directora do Museo Aurelia Balseiro, inclúe un programa de conferencias nas que as investigadoras e investigadores do grupo analizarán varias obras do Museo Provincial de Lugo.As pezas seleccionadas reflicten a diversidade de intereses, campos de traballo e liñas de investigación que abarca o Grupo Iacobus e abranguen diferentes periodos históricos, estilos e artistas.
Destaca a conferencia inaugural de José Manuel García Iglesias sobre Francisco Asorey, homenaxeado este ano pola Real Academia de Belas Artes dedicándolle o Día das Artes Galegas, na que falará sobre a obra “Cristo Redentor”, entre outras pezas máis coñecidas. Ou a ponencia de Mónica Rey, que falará sobre a obra “Retrato de Rosa Piño”, de Julia Minguillón, unha das últimas incorporacións do Museo Provincial e Lugo.
O programa inclúe tamén visitas ás pezas tratadas nas conferencias, co acompañamento das persoas relatoras, que terán lugar cada xornada ás 17.20 horas.
A deputada de Cultura Iria Castro e a directora do Museo Provincial de Lugo Aurelia Balseiro agradeceron a iniciativa do grupo investigador, que contribúe a poñer en valor as pezas do Museo e subliña a importancia da investigación e da divulgación científica no ámbito dos museos.
Inscricións
As persoas interesadas en participar nas xornadas, gratuítas, deben inscribirse a través do enderezo electrónico tiempodearte2024@gmail.com. Ofrécense 50 prazas.
Monográficos Iacobus
A actividade forma parte do ciclo Monográficos Iacobus, promovido polo Grupo de Investigación Iacobus, que pretende contribuír á difusión de pezas destacadas dos museos galegos e que tivo o seu punto de partida na Fundación Museo Catedral en Compostela con grande éxito de convocatoria.