A Vicepresidencia da Deputación apoia a promoción dos viños da IXP Terras do Navia cun ciclo de catas que comezou esta tarde no Pazo de San Marcos
O Pazo de San Marcos acolleu esta tarde unha acción de promoción e divulgación da Indicación Xeográfica Protexida Terras do Navia, unha charla coloquio e unha degustación organizada pola Asociación Galega de Viticultura (AGV) e a Federación Rural Galega (FRUGA) coa colaboración da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
As persoas asistentes puideron degustar viños de Adega Panchín e Adega Sidrón, de Negueira de Muñiz, e de Bodega da Señora, de Navia Suarna, as tres adegas que comercializan viños co selo da IXP.
As accións promocionais, que pretenden ampliar o coñecemento da conca do Navia e dos seus viños tras lograren en xullo pasado o certificado de calidade, continuarán nos vindeiros meses, con charlas e catas en Vilalba, o 31 de maio, Viveiro, o 5 de xullo, e Barreiros, o 12 de xullo.
A área de Rural dá continuidade así a colaboración que mantivo nos dous últimos anos coa Asociación Galega de Viticultura, desenvolvendo diferentes acccións de formación, asesoramento e divulgación dos viños de Terras de Navia co obxectivo de recuperar a produción de viño na zona e reverter o abandono de viñedos que se deu nas ultimas decadas.