Cultura
Deputación de Lugo

Máis de 1.700 de alumnos e alumnas reivindican en Burela o uso do galego na última parada do Correlingua

correlingua
Burela
DANIEL GARCÍA
A área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a concellería de Educación de Burela apoian esta iniciativa que reuníu á rapazada da Mariña e Ortigueira

Burela recibiu este mércores a visita de máis de 1.700 alumnas e alumnos de dezasete centros da Mariña e Ortigueira, ademais dun colexio de Bélxica. O Correlingua, co apoio da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e  a concellería de Educación burelá, amparou esta marcha que pon o foco na reivindicación do uso do galego entre a xuventude e a rapazada dun xeito festivo, sen prexuízos e desfrutando de todo o que ten que ofrecer o galego e a cultura.

O deputado de Mocidade Daniel García destacou a importancia desta cita que “xa percorreu Galiza enteira, con paradas en Lugo e Monforte, e agora despídese dende A Mariña ata o vindeiro curso. Un proxecto que ano tras ano se enmarca no calendario académico e no que milleiros de estudantes participan nesta festa”.

O tenente de alcaldesa de Burela Mario Pillado sinalou que“ a mocidade e o galego son benvidos en Burela. Para nós é un pracer e unha honra contar cunha actividade coma o Correlingua en Burela. Poidemos amosar a nosa vila a unha gran cantidade de rapaces e rapazas, no medio das nosas festas. Dende as áreas de mocidade e Educación do Concello de Burela sempre imos traballar no fomento do galego entre a poboación, especialmente entre a mocidade”

A Praza da Mariña reuniu aos mozos e mozas de colexios e institutos baixo o  lema  “Dende aquí ata acolá. Galego xa!”, reivindicando o uso da lingua galega na ensinanza e entre a mocidade. A xornada comezou cunha andaina e rematou coa lectura do manifesto por parte do alumnado do IES de Foz, que participou na súa elaboración. A nota musical puxérona Paco Nogueira, para o alumnado de infantil, e o grupo Cuarta Xusta e o acto estivo animado por Fran Rei, que puxo o toque de humor.

Neste encontro participaron o  o IES Perdouro, IES Monte Castelo, CEIP Plurilingüe Vista Alegre e o CEIP Plurilingüe Virxe do Carme –de Burela–, o IES Dionisio Gamallo, o CPR Sagrado Corazón e o CEIP Plurilingüe Gregorio Sanz –de Ribadeo–, o IES de Foz, o IES Plurilingüe San Rosendo –de Mondoñedo–, o IES de Ortigueira, o CEIP Península da Paz, o IES Marqués de Sargadelos e o CEIP de Cervo –de Cervo–, o IES Vilar Ponte e o CEIP de Celeiro –de Viveiro– e o IES Alfoz – Valadouro. Ademais, nesta actividade tamén participará estudantado do centro Gemeentelijke Basisschool De Bosmier de Balén, en Bélxica, que se atopa realizando un intercambio co CEIP Vista Alegre de Burela.

Os obxectivos das actividades desenvolvidas desde a asociación son a reflexión sobre a situación da lingua e a importancia de activar as accións a prol dela, sensibilizar a sociedade, a través da poboación infantil e moza, da importancia da defensa da lingua, asociar o uso do idioma a actividades colectivas, lúdicas e de interacción entre o alumnado de diferentes centros e localidades e contribuír a manter vivo o maior patrimonio creado polas galegas e os galegos.