Cultura
Deputación de Lugo

Iria Castro amosou o apoio da Vicepresidencia da Deputación ao futuro Centro de Arte Contemporánea Manuel Jorge de Chantada

MUSEO MANUEL JORGE
IRIA CASTRO
Chantada

A deputada de Cultura Iria Castro participou na presentación do proxecto de rehabilitación do edificio que albergará o Centro de Arte Contemporánea Manuel Jorge, unha vivenda do centro histórico de Chantada.

A Asociación de Amigos de Manuel Jorge explicou os detalles do proxecto, que ten como obxectivo crear un centro de referencia para a creación e a divulgación artística na Ribeira Sacra, seguindo a vontade do pintor chantadino.

Iria Castro, que tras a presentación do proxecto se achegou ata o edificio, valorou “o esforzo da asociación para sacar adiante un proxecto que dará maior visibilidade á obra de Manuel Jorge e actuará tamén como espazo de inspiración e acollida para artistas contemporáneos” e reafirmou “o compromiso da área de Cultura con proxectos que achegan a arte e a cultura contemporánea a todas e todos”.

A Asociación de Amigos Manuel Jorge adquiriu o edificio, situado no número 7 da Praza do Cantón, co apoio da área de Cultura da Deputación de Lugo.

Manuel Jorge

Manuel Jorge naceu en Chantada (Lugo) en 1929. Foi un arquitecto de gran recoñecemento no Mediterráneo e durante décadas pintou na intimidade do seu estudo sen amosar os seus cadros. Afortunadamente, ao final da súa traxectoria sacou á luz unha obra única, diversa e profunda coa que reconectou con Galicia e a súa vila natal.

Coas súas construccións Manuel Jorge moldeou a paisaxe e o patrimonio da Marina Alta alacantina, defendendo a integración na natureza, cos volumes e a luz como claves da súa arquitectura. Na pintura transitou por diversos estilos deixando un legado de máis de dúas mil pezas que, tralo seu falecemento no 2020, cedeu á Asociación Amigos de Manuel Jorge de Chantada creada no 2017.

Un ano despois, a Rede Museística Provincial colaborou na organización dunha gran mostra retrospectiva que colocou a Manuel Jorge por vez primeira no foco da cultura lucense e galega. Naquel momento os cadros do chantadino chegaron xa para quedarse na súa terra natal, onde se lles busca, con este proxecto,  un espazo definitivo.