Abre ao público a cociña do Museo Provincial de Lugo, tras as obras de renovación da cuberta
A deputada de Cultura Iria Castro visitou a cociña do Museo Provincial de Lugo, que se abriu este venres ao público tras as obras de rehabilitación que se levaron a cabo neste espazo, unha das dependencias do antigo convento de San Francisco que se conversan no museo, xunto co claustro e o refectorio.
A actuación centrouse na renovación do lousado e da estrutura de madeira da cuberta para eliminar as pingueiras e humidades que afectaban ao local en episodios de choiva forte. Tamén se limparon as paredes e se renovou a museografía, reorganizando a disposición das pezas que acolle a sala, fundamentalmente mobiliario, pezas de vaixela e útiles para almacenar e elaborar os alimentos, propios dunha cociña galega dende o século XVIII ata a primeira metade do século XX.