Cultura
Deputación de Lugo

O Museo Provincial de Lugo inaugurou a mostra Inevitable, con 15 instalacións sobre a diversidade sexual e de xénero realizadas no Taller Daulloa

MUSEO PROVINCIAL DE LUGO
IRIA CASTRO
Taller Daulloa

A deputada de Cultura Iria Castro inaugurou este mediodía no Museo Provincial de Lugo a exposición “Inevitable” con 15 instalacións realizadas polas persoas participantes no Taller Daulloa -taller prelaboral da comarca da Ulloa- que reflicten as consecuencias da problemática social con relación á diversidade sexual e de xénero.

Coas cores da bandeira LGTBI dispostas en paneis de madeira verticais como base, as creadoras e creadores  - María Jesús Castro Gómez, Jose Antonio Ferreiro Saá,  Mirta Flores Cuesta, José Luis García Rojo, Heitor Gómez Díaz, Nagari López López, Ana Mariño García, José Vicente Otero Fernández,  Teresa Rodríguez García,  Ana Salgado Moreiras, José Antonio Vázquez Ciriza, Sofía Vázquez Vázquez, Fátima Viña Ayude e Javier Rey Feijóo – deseñaron as composicións que reflicten as  vulneracións dos dereitos que afrontan as persoas do colectivo LGTBI en distintos contextos.

Na presentación da mostra, na que tamén participaron a xerente da Rede Museística Provincial Encarna Lago e a directora do Museo Provincial de Lugo Aurelia Balseiro, a deputada de Cultura valorou “o traballo desenvolvido polo Taller Daulloa, que con esta iniciativa revaloriza a creatividade e o esforzo das persoas que participan nas súas actividades” e destacou “a importancia de que a diversidade sexual e de xénero se exprese e se recoñeza en todos os espazos, tamén nos culturais e artísticos”. “Hoxe e todos os días programamos con orgullo”, concluíu a deputada, destacando a “vocación inclusiva e diversa das epxosicións e actividades dos museos provinciais durante o ano”, no Día Internacional do Orgullo.

O monitor do Taller Daullloa, Javier Rey Feijóo, que guiou ás persoas asistentes á inauguración pola exposición, subliñou  “o proxecto é unha mostra do que somos capaces de facer dende un pequeno taller na Ulloa. Estamos moi orgullosos do resultado e da aceptación e acollida mostrada polos asistentes a presentación”.

“Inevitable” preséntase como unha critica social pola diversidade sexual e de xénero. “Non buscamos cambiar o mundo, se non tentar que cada un de nós ao coñecer as diferentes obras poidamos identificar os problemas que aínda quedan por resolver e descubrir se fomos partícipes ou cómplices dos mesmos” explica o panel que introduce a mostra, que pode verse na Sala de Usos Múltiples do Museo Provincial de Lugo ata o 28 de agosto.

O Taller Daulloa de Monterroso -que é parte da rede de centros de Cogami –contou para o proxecto co apoio dos colectivos culturais e pola diversidade da Ulloa.