O Museo Provincial expón unha escolma de gravados de Albino Fernández ata o 15 de setembro
Este xoves inaugurouse no Museo Provincial de Lugo a Albino Fernández (La Habana, 1921- Buenos Aires, 2014), na que se pode coñecer o traballo deste artista, fillo da emigración galega a América. Ata o 15 de setembro poderá visitarse a mostra, que reúne máis dunha vintena de gravados que percorren a súa vida artística. A mostra está producida polo Museo de Artes do Gravado Estampa Dixital de Ribeira e conta coa colaboración do Consulado Xeral da Republica Arxentina en Vigo.
A deputada de Cultura Iria Castro inaugurou a mostra acompañada polo fillo do artista Lino Fernández,o comisario da exposición Carlos López, a directora do Museo Provincial Aurelia Balseiro e a xerente da Rede Museística Provincial de Lugo Encarna Lago. Ao acto, que se abriu cunha intervención musical de Nicolás Ravelli Barreiro, director artístico da Xoven Orquestra de Lugo "Terra Nova", tamén asistiron ao acto Silvina Montenegro, Consulesa Xeral da República Argentina en Vigo e Vera Pozzi, agregada para Asuntos Administrativos e Encargada de Asuntos Culturales.
O proxecto está comisariado por Xoan Pastor Rodriguez Santamaría -director do Museo do Gravado- e Carlos L. Bernárdez, autores dos textos do catalogo desta mostra. A exposición conta ademais con vídeo producido para a soa exhibición en sala elaborado polo documentalista Xan Leira.
O horario de visita será de martes a sábado de 10.00h. a 13.00h. E de 16.00h a 20.30h, os domingos o horario será de 10.00. a 15.00h.
Notas do comisario Carlos L. Bernández sobre a exposición e o artista
O pintor e gravador Albino Fernández (1921-2014) foi un artista cunha vida que podería ser un exemplo máis da ringleira da emigración galega en America que recrean nos seus poemas escritores como Lorenzo Varela ou Luis Seoane, creadores que, por certo, tiveron unha relación de amizade co noso artista. De feito Albino chegou a colaborar estreitamente con proxectos da diáspora galega na Arxentina.
Albino Fernandez naceu en Cuba, fillo de galegos da provincia de Lugo que aos oito anos, en 1929, o trouxeron de volta a Galiza, en concreto para aldea paterna de San Pedro de Viana (Chantada). A seguir, os pais emigraran Arxentina para despois, en 1932, facer chegar o menino Albino a Bos Aires, reuníndose a familia.
A formación artística de Albino Fernández vai facerse nun contexto cultural porteño marcado a grandes trazos por dúas tendencias plásticas, por dúas maneiras de entender a acción artística desde a contemporaneidade: unha, a dunha modernidade avanzada, e a outra, a da vangarda abstracta.
A modernidade dos mestres e amigos de Albino é a primeira, a de artistas como Antonio Berni, Lino Enea Spilimbergo ou Raquel Forner. Trátase dunha arte que poderíamos inserir inicialmente nos realismos de entreguerras, con evidentes preocupacións sociais, unha plástica modernizadora mais non radical no formal, que no Buenos Aires dos corenta vai ter un dos seus referentes populares nos murais das galerías Pacífico, inaugurados en 1946.
Outra influencia notable que se vai manifestar no obra de Albino nos anos cincuenta é a de Torres-García, figura referencial para a comprensión da modernidade plástica en toda America. Este influxo compre situalo na permeabilidade a un contexto universalista que é moi influente no Uruguai e na Arxentina, e que ten en Torres-Garcia e Xul Solar os seus mais claros expoñentes. Ambos realizan unha síntese de trazos americanos precolombianos e universais, cunha sintaxe vangardista, para crearen linguaxes arquetípicas, baseadas na abstracción xeocéntrica e construtiva.
Todo este labor plástico hai que poñelo en relación co traballo docente, xa que despois da experiencia de Tucumán, será profesor en Buenos Aires na Escuela de Artes Gráficas, na Escuela Nacional de Bellas Artes e no Instituto Argentino de Artes Gráficas. No entanto, o máis destacado será o seu papel na creación do Club de la Estampa en 1965 unha iniciativa excepcional que reuníu aos principais gravadores arxentinos para favorecer a creación de coleccións de obra gráfica para un publico amplo.