Cultura
Deputación de Lugo

Nova convocatoria do Certame de Investigación Condado de Pallares, que conta con apoio da Vicepresidencia da Deputación

CERTAME DE INVESTIGACIÓN CONDADO DE PALLARES
EFRÉN CASTRO
As persoas investigadoras poderán presentar os seus traballos, inéditos e en galego, ata o 28 de setembro

O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro participou esta mañá na presentación do XVIII Certame de Investigación Condado de Pallares, convocado pola Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, co obxectivo de promover a investigación nos ámbitos da linguística, a historia, a arte, a arqueoloxía, a antropoloxía, a etnografía e o folclore no territorio que conformaba o antigo Condado de Pallares,  que corresponde cos actuais concellos de Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo.

As persoas interesadas en participar poden achegar os seus traballos de investigación, escritos orixinais e inéditos en lingua galega,  ata o 28 de setembro, remitíndoos por correo certificado, baixo plica, a Casa Reitoral, nº 6, Ferreira de Pallares, onde ten a súa sede a asociación. O autor ou autora da obra premiada recibirá 3.000 euros, ademais da publicación do estudo, cunha tirada de 1.200 exemplares.

Na presentación, celebrada na delegación da Xunta de Galiza, Efrén Castro valorou “a iniciativa da Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares na organización deste certame, que visibiliza e dá valor á investigación e á produción de coñecemento no ámbito das humanidades e das ciencias sociais cunha importante dotación económica e coa publicación dos estudos premiados”

O vicepresidente destacou que “a continuidade na convocatoria permítenos contar hoxe cunha ampla bibliografia en galego para afondar en distintas cuestións relacionadas co patrimonio material e inmaterial destes concellos”.

No acto, participaron o presidente da Asociación de Amigos do Condado de Pallares, Carlos Vázquez, e outros integrantes da entidade, así como representantes doutras administracións e entidades colaboradoras -Dirección Xeral de Política Linguística da Xunta de Galiza, concellos de Guntín, Taboada e Chantada, os GDR Miño Ulla e Comarca de Lugo e Caixa Rural.

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo destina 5.000 euros á Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares que, ademais da convocatoria do premio, desenvolve unha ampla labor de dinamización cultural na zona, co organización, entre outras actividades,  a Feira de Artesanía de Ferreira de Pallares.