A Vicepresidencia da Deputación colabora coa organización do Festival Terra Brava
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora coa organización do Festival Terra Brava, que se celebra o día 24 de agosto no Incio. A cita musical contará con bandas de folk e rock do panorama galego como Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, Peter Selek, O Val das Mouras, O Sonoro Maxín e Guezos. A deputada de Cultura, Iria Castro destacou a importancia de achegar a música folk e en galego toda a provincia “como activo cultural. O festival Terra Brava é unha mostra máis do traballo levado a cabo polos colectivos lucenses, que buscan alternativas de lecer para os seus veciños e veciñas pero tamén impulsan a economía e colabora co tecido comercial e hostaleiro achegando visitantes”.