Cultura
Deputación de Lugo

O Museo de San Paio de Narla renóvase cun proxecto museolóxico que incide na historia do edificio e reivindica o espíritu das revoltas irmandiñas

REDE MUSEÍSTICA PROVINCIAL
MUSEO FORTALEZA SAN PAIO DE NARLA

 O Museo de San Paio de Narla reconfigúrase como un espazo dedicado a afondar nas vidas e acontecementos dos que foi escenario ao longo da historía  cun novo proxecto museolóxico e museográfico titulado “Soterradas, vidas e historias na busca dun contexto de xustiza social”, que intervén o percorrido visitable do museo con instalacións que recuperan episodios acontecidos no edificio e noutras fortificacións das terras e comarcas de Lugo.

Un dos elementos centrais da renovación é unha instalación cunha liña do tempo que repasa  a historia da edificación, desde o primitivo castelo medieval derruído ata a contemporaneidade. Afondan no contexto histórico un panel sobre a incidencia da Gran Revolta Irmandiña na construción do edificio e outras  instalacións que chaman a atención da persoa visitante sobre os alxuves ou picotas, onde os señores executaban e infrinxían castigos aos seus vasalos,  e as cámaras de tiro desde as que se defendían as fortalezas ( Narla conserva unha previa á revolta irmandiña de 1467)

Ademais do contexto histórico e evolución arquitectónica do edificio, a nova museografía visibiliza as biografías das señoras de Narla e sinala o coleccionismo e os gabinetes de curiosidades da nobreza como orixe dos museos.

As instalacións e paneis informativos inclúen códigos QR para acceder a documentos históricos ou dramatizacións en relación cos feitos narrados, contido xerado a partir do traballo de documentación e investigación coordinado por Simón Vicente.

A xerente da Rede Museística Encarna Lago explicou que “o que fixemos con este proxecto é hackear o propio museo: baleiralo dun contido que non era propio (etnográfico) para enchelo do contido que nos proporcionan a historia da fortaleza en paralelo a doutras fortificacións das comarcas de Lugo” e puxo en relevo “o traballo de documentación e investigación realizado durante os últimos tres anos para desenvolver o proxecto, que supuxo recuperar episodios esquecidos ou invisibilizados detrás dos relatos hexemónicos”.

A deputada Iria Castro destacou que “desde a Vicepresidencia da Deputacíon apostamos polo gran traballo que fan dende a Rede Museística para mudar a forma en que se conciben os museos tradicionalmente e tamén para mudar a forma en que a sociedade se achega a eles. Un museo non é un mero edificio, un museo é unha institución educativa ao servizo da sociedade que fala do que fomos e falará do que somos hoxe” e valorou “a iniciativa de visibilizar, a través da historia de Narla, a relevancia histórica das revoltas irmandiñas, nas que a sociedade no seu conxunto participou no derrocamento dun poder establecido cruel e estableceu temporalmente un poder político de abaixo a arriba sen precedentes”.

O percorrido guiado polo renovado museo complementouse coa proposta artística multidisciplinar “Asalto ao castelo pola xustiza social”, con música, arte, danza e literatura,  na que participaron Concha Blanco, Alexandra Cabana, Luz Darriba, Carlota Pérez, Davide Salvado, María Sánchez e Roser Vernet,  e coa que, tomando como referente a Gran Revolta Irmandiña,  reivindicaron o papel que as mobilizacións sociais tiveron e poden ter no devir histórico.

A renovación museolóxica dá continuidade aos proxectos levados a cabo desde 2020, con iniciativas como “Soterradas, a vida tras o mantelos: da fortaleza ao pazo” na que se traballaron as desigualdades de xénero e clase e as desigualdades de ciclos de vida.