A Vicepresidencia da Deputación leva a Quiroga a mostra sobre a apertura como museo da Casa de Rosalía
Quiroga acolle a exposición “A Casa de Galicia. 50 anos da casa de Rosalía”, sobre a restauración e musealización da Casa da Matanza de Padrón, onde Rosalía de Castro pasou os últimos anos da súa vida.
A deputada de Cultura Iria Castro acompañada polo equipo de goberno municipal inauguraron a mostra, que chega a Quiroga no marco dunha itinerancia promovida pola Vicepresidencia da Deputación que suma unha vintena de localidades.
Iria Castro agradeceu o interese do goberno municipal, e nomeadamente da área de Dinamización Lingüística, dirixida por Xosé Manuel Fernández, por expoñer en Quiroga esta mostra que “contribúe a ampliar o coñecemento sobre Rosalía de Castro e sobre o proceso de creación da Casa da Matanza” e explicou que “a itinerancia da mostra procura a presenza na rúa e nos espazos comúns dunha autora que é referente cultural, pero tamén feminista e de compromiso social, como facemos con outras iniciativas como a realización de murais homenaxe en centros educativos como o que loce na fachada da escola infantil”
O concelleiro de Dinamización Linguística Xosé Manuel Fernández valorou a colaboración institucional para achegar este tipo de iniciativas culturais e destacou “que acollemos con gran satisfacción esta mostra para coñecer toda a historia que agocha a hoxe Casa Museo de Rosalía, un lugar de encontro e cita obrigada para afondar na vida e obra da nosa escritora máis universal".
A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Galicia
A mostra, producida pola Fundación Rosalía e comisariada por Pepe Barro, autor da última renovación museolóxica da Casa-Museo de Rosalía de Castro, está formada por paneis inseridos nunha estrutura que evoca distintas estancias dunha casa.
O contido, elaborado con reproducións de documentos, fotografía e textos que repasan a historia do propio edificio e do esforzo colectivo que impulsou a súa apertura como museo, articúlase en seis capítulos diferenciados:
- A casa e o tren: o porqué da elección da morada
- Rosalía na Casa: a escritora vive alí entre 1882 e 1885
- Unha Casa santuario: as iniciativas da compra entre 1900 e 1940
- A causa da Casa: Xosé Mosquera e a compra en 1946.
- O Padroado da Casa: Galeguistas, progresistas e “ben vistos”
- A Casa de Galicia: Entre 1971 e 1972, ábrese a Casa coas achegas de miles de galegas e galegos