Cultura
Deputación de Lugo

A parroquia de Castelo, en Taboada, prepara unha nova edición da Queima das Fachas

Queima das Fachas
Taboada
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora na organización desta festa do lume, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia

A deputada de Cultura Iria Castro participou na presentación da Queima das Fachas de Castelo, en Taboada, que se celebra esta fin de semana, na noite do 7 ao 8 de setembro coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A queima das fachas, ao redor dunha trintena, faise no castro de Castelo. A Asociación Cultural As Fachas revitalizou e mantén viva esta festa tradicional con lume na que participan boa parte das casas da parroquia, que se encargan de facer as fachas cun pé de madeira e agucios.

No acto, Iria Castro remarcou “a importancia da implicación da veciñanza para dar continuidade a esta tradición e manter o patrimonio inmaterial e material que conforman a nosa identidade” e sinalou “o compromiso da Vicepresidencia da Deputación de Lugo co tecido asociativo que desenvolve un papel fundamental na dinamización cultural e social das parroquias”.

No acto, ademais da deputado provincial, participaron o presidente da asociación, Manuel Fidalgo, o alcalde de Taboada, Roi Rigueira, o concelleiro de Cultura de Taboada, Manuel Diéguez, e Javier Arias, delegado territorial da Xunta en Lugo.

A Queima das Fachas de Castelo, declarada Ben de Interese Cultural e Festa de Interese Turístico , é unha das tres festas do lume que se conservan en Galiza, xunto a de Vilelos, no Saviñao, e a de Castro Caldelas. A Asociación Cultural As Fachas participa en xornadas e outras iniciativas de difusión e estudos das festas do lume na Península.