A Vicepresidencia da Deputación colabora na organización dos Remedios en Sarria
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora coa organización da romería dos Remedios, que se celebran os días 8 e 9 de setembro en Sarria.
O vicepresidente da Deputación Efrén Castro achegouse este xoves ao campo da festa, onde valorou “a tradición desta romería que forma parte dos recordos e vivencias da veciñanza de Sarria de distintas xeracións” e destacou “a importancia de dar continuidade a estas celebracións populares que contribúen a crear comunidade”.
A colaboración da Vicepresidencia da Deputación coa romería encádrase no apoio da área de Cultura ao asociacionismo e á dinamización cultural dos concellos a través da programación de actividades musicais e lúdicas. Neste marco, actuarán nos Remedios a charanga Louband Street e a Banda Comarcal de Sarria.
As actuacions financiadas pola área de Cultura complementan o programa da romería, que ten como principal eixo as merendas populares no campo da festa, na contorna da igrexa cos Remedios. Haberá sesión vermú e verbena os dous días.