Cultura
Deputación de Lugo

Iria Castro participou na xornada inaugural do Son d´Aldea

son d'aldea

Iria Castro asistiu esta tarde á xornada inaugural do Son de Aldea en Albá, en Palas de Rei, onde participou na presentación do libro “A despedida”, un volume que recolle os guións das representacións teatrais da pasada edición, editado coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A deputada de Cultura explicou "o apoio da Vicepresidencia da Deputación á edición do textos do roteiro teatral, que gardan testemuña da actividade creativa das súas autoras e autores e do léxico específico da zona, que se incorpora aos guións" e destacou "a importancia destas citas culturais que convidan a reflexionar sobre o medio rural"

A presentación do libro desenvolveuse tras un parladoiro sobre os axentes sociais do medio rural no que interviron David Garíca-Romero, Dani Baliñas e Sara Rodríguez da Asociación Avoar e Rogelio Santos Queiruga, mariñeiro e activista en defensa do medio, e que puxo o foco na especial relación que existe en Galiza entre o rural e o mar.

Son de Aldea continuará mañá co roteiro teatral na aldea da Graña, baixo o título "O valor da auga". As representacions comezarán ás 10.00 horas e extenderanse ao longo da mañá. Seguirá un xantar popular, e unha tarde animada coa mostra de oficios artesáns e artesanía alimentar, xogos populares con Xotramu, e os concertos de Sheila Patricia e Tiruleque.