Cultura
Deputación de Lugo

Preséntase a 46 Semana de Cine de Lugo, coa que colaboran as áreas de Cultura da Vicepresidencia da Deputación e do Concello

Semana de Cine de Lugo
IRIA CASTRO
Este ano a Semana de Cine volverá encher as instalacións culturais entre o 23 e o 29 de setembro

A deputada de Cultura Iria Castro, xunto ao presidente do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, Xulio Xiz e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou a 46 edición da Semana Internacional de Cine de Lugo. A cita, que se vén celebrando anualmente dende o 1979, terá lugar entre o 23 e o 29 de setembro de 2022. No acto estiveron tamén presentes Manuel Curiel, director da Semana de Cine, representantes da Xunta de Galiza e da Uned, e integrantes do Comité Organizador da Semana.

Iria Castro afirmou que "a semana de cine é unha cita consolidada no calendario cultural ao finalizar o verán", e destacou que esta cita "permítenos desfrutar de filmes que non chegan ás salas comerciais, pero que contan cunha gran calidade artística".

"Debemos apoiar dende as institucións a nosa cultura propia, neste caso a produción de cine en galego", dixo Maite Ferreiro, que engadiu "as experiencias que temos dinnos que temos contadoras e contadores de historias moi boas, que fan obras fermosas e interesantes, que redundan na defensa e promoción da nosa lingua e da nosa cultura, que é o faro que nunca debemos perder de vista".

Castro e Ferreiro destacaron o traballo do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, "que leva 46 anos dando visibilidade ao cine entre a veciñanza de Lugo", e engadiron "a Semana de Cine de Lugo é unha das actividades máis relevantes do calendario cultural da cidade".