Cultura
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia da Deputación renova o seu apoio a Asociación Músico Crisanto, un proxecto de ensinanza musical con preto de 300 alumnos

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
IRIA CASTRO FERNÁNDEZ
ASOCIACIÓN MÚSICO CRISANTO
FORMACIÓN MUSICAL

A  deputada Iria Castro visitou a escola da Asociación Músico Crisanto, un proxecto de ensinanza musical que úne os concellos de Begonte, Rábade, Outeiro de Rei e Friol e que conta cunha 300 alumnas e alumnos. Durante o encontro, a responsable provincial coñeceu as súas instalacións en Baamonde e conversou coa directiva da asociación e con integrantes da banda infantil, a formación máis nova da asociación.

Iria Castro valorou “a consolidación do proxecto a través dunha formula mancomunada entre os concellos, que ven recibindo apoio continuado por parte da Vicepresidencia da Deputación ao longo destes anos” e subliñou “a importancia de iniciativas que pulen por ofrecer as nenas e nenos dos concellos rurais os mesmos servizos e oportunidades que poderían ter na cidade,  neste caso cunha formación musical de calidade e cunha oferta variada”.

A área de Cultura, que ven colaborando de xeito estable coa entidade, renova neste ano 2025 o seu apoio ao proxecto cunha achega de 28.000 euros, destinados, fundamentalmente, a gastos relacionados coa  actividade formativa.