Medio Rural e do Mar, Mocidade
Cultura
Deputación de Lugo

O deputado de Rural Daniel García solicitou unha reunión co conselleiro de Cultura para concretar un plan de actuación nas pallozas de Piornedo

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
RURAL
PALLOZAS PIORNEDO
Cervantes
TEITOS DE PIORNEDO
DANÍEL GARCÍA FERNÁNDEZ
patrimonio

O deputado de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo Daniel García Fernández emprazou ao conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude  José López Campos a unha reunión para concretar un plan urxente para a reparación das pallozas de Piornedo e un marco de financiamento estable para a súa conservación e mantemento.

A área provincial remitiu á Consellería un escrito en que solicita “unha xuntanza con representantes das tres administracións e coa propiedade das pallozas para avanzar nunha solución tan necesaria como urxente” para este conxunto patrimonial único en Europa e tende a man “para establecer pontes interadministrativas” que aseguren a viabilidade do BIC nos vindeiros anos.

Daniel García Fernández sinalou “que urxe materializar a vontade de colaboración que o conselleiro expresou o pasado mércores no Parlamento en resposta a unha pregunta formulada polo BNG, para que este tema non quede aparcado nos despachos da Xunta de Galicia como noutras ocasións. Nós seguiremos, como vimos facendo, apoiando ano a ano a conservación destes bens de interese cultural pero non podemos ser a única administración que o faga"

O responsable provincial, que acompañou a veciñanza de Piornedo ata Compostela para seguir a sesión parlamentaria, lembrou que “a propiedade privada das pallozas non é obstáculo para que a administración habilite axudas directas, como as que a propia Xunta de Galicia convocou ata o ano 2010, ou como as que reciben outros particulares e entidades privadas titulares de bens patrimoniais como a Igrexa”.

O escrito, remitido este martes, recolle as dificultades que afrontan as persoas propietarias das pallozas para realizar as labores de conservación pola falta de centeo, de man de obra profesionalizada para reteitar e polas características das infraestruturas nunha ubicación de alta montaña.

Así mesmo, explica a colaboración que a área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantivo coa asociación Teitos de Piornedo nos últimos anos, a través de subvencións nominativas para financiar actividades de conservación e mantemento das pallozas e facilitar o cultivo do centeo.