Cultura
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia da Deputación apoia a organización do festival Breason, o 8 de novembro en Mondoñedo

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
cultura
BREASON
FESTIVAL
mondoñedo

O deputado de Mocidade Daniel García participou esta mediodía na presentación do festival Breason, que se celebrará o 8 de novembro en Mondoñedo. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora un ano máis coa Asociación Cultural Xoldra na organización do festival, con actuacións de Biznaga, Grande Amore, 9Louro, Malvela, Señora DJ, Femfarria, María Raxeta e Meniñ@s da Mariña, formada polas alumnas da escola da Asociación de Música de Baile Tradicional Gaita Escola de Mondoñedo.

Daniel García expresou “o apoio da Vicepresidencia da Deputación a este festival, que conta co impulso da Asociación Cultural Xoldra  e da mocidade mindoniense comprometida coa música e a cultura en galego, como reflicte o cartel desta segunda edición que reúne algunhas das bandas e artistas máis recoñecidos da música en galego actual”  e valorou tamén  “a aposta de Xoldra por converter o festival nunha oportunidade de promoción da artesanía e do patrimonio de Mondoñedo”.

Aos concertos, a partir das 21.00 horas na Praza da Catedral, con entrada de balde, súmase  un programa de actividades que inclúe un roteiro polas rúas de Mondoñedo – ás 12.00 e as 17.00 horas – e obradoiros de artesanía -cantería, títeres, cerámica e serigrafía – no Barrio dos Muíños. Ao longo da tarde haberá tamén un magosto e unha foliada.

Ademais, haberá unha mostra de ilustracións de artistas galegas no Casino de Mondoñedo. A organización habilitará unha zona de acampada nas instalacións deportivas de Viñas da Veiga.