A Escola de Música de Burela adquiriu novos instrumentos e equipos técnicos co apoio da Vicepresidencia da Deputación
A Escola Municipal de Música de Burela conta con novos instrumentos e equipos técnicos adquiridos ao abeiro dun convenio de colaboración entre a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o Concello de Burela.
O deputado de Mocidade Daniel García, o tenente alcalde de Burela Mario Pillado e a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade Sandra Fernández Cillero visitaron este mércores as instalacións, onde o material está xa a disposición do persoal docente e do alumnado.
Trátase de tres violenchelos e un equipo informático con diferentes elementos de son - mesa de mesturas e micrófonos – destinados especialmente á produción musical, unha das materias coas que a escola municipal está renovando a súa oferta formativa.
O tenente alcalde de Burela Mario Pillado explicou que “a colaboración da Deputación permitiunos realizar este investimento, que amplía os medios dispoñibles para a docencia e que abre tamén a posibilidade de organizar máis actividades complementarias. Apostamos por unha Escola que sexa referente musical e tamén cultural e social de Burela, e somos conscientes de que iso require investimento e recursos”
O deputado Daniel García amosou “o apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo ao traballo do goberno municipal, comprometido cunha axenda centrada na mocidade, que valoramos especialmente porque se trata de atender as demandas e necesidades de quen construirán o futuro”
A dotación de material, que supuxo un investimento de 9.000 euros, encádrase na aposta da área de Educación e Mocidade do Concello de Burela por impulsar a actividade na Escola Municipal de Música e na Casa da Xuventude, que inclúe tamén a mellora e modernización do exterior do edificio
