Cultura
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia da Deputación abriu o programa ilustrarNÓS cunha demostración de debuxo de Siro López

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
ILUSTRACIÓN
SIRO LOPEZ
ILUSTRARNOS
CERTAME ESCOLAR

O debuxante Siro López “Siro” (Ferrol, 1943) visitou este martes o Pazo de San Marcos onde ofreceu unha demostración aberta ao público. O artista ferrolán, homenaxeado este ano polo Día da Ilustración, fixo dúas caricaturas de Ramón Otero Pedrayo e improvisou unha viñeta humorística.

O debuxante compartiu co público a ilusión intacta polo debuxo malia contar “ 83 anos e máis de 7.000 debuxos publicados” mentras trazou dúas caricaturas de Ramón Otero Pedrayo,  lembrando que foi o primeiro en facerlle unha caricatura. A continuación, creou unha viñeta humorística tomando como referencia  dúas persoas que asistían á demostración.

A actividade forma parte do programa ilustrarNós da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, unha iniciativa orientada a promover a creación artística e popularizar a obra de profesionais da ilustración entre a rapazada que inclúe obradoiros e charlas en centros educativos e un certame.

A deputada de Cultura Iria Castro agradeceu “a xenerosidade de Siro López que ademais de compartir o seu talento gráfico expresou un especial agarimo pola cidade de Lugo e contou anécdotas de artistas e intelectuais lucenses cos que coincidiu ao longo da súa traxectoria como Anxel Fole,  Celestino Fernández de La Vega ou Tino Grandío”.

Obradoiros

O propio  Siro López impartiu dúas destas actividades esta mañá no IES Lucus Augusti e no IES Nosa Sra dos Ollos Grandes, das que destacou a participación e o interese amosado por todo o alumnado. A proposta de actividades para centros educativos inclúe tamén obradoiros da man da ilustradora e deseñadora lucense Sandra Lodi -Premio Castelao de Banda Deseñada en 2024 - , que nas tres vindeiras semanas visitará o CPI de Castroverde, o CEIP Rosalía de Castro de Lugo, o CEIP Albeiros de Lugo, o CEIP  Virxe da Luz de Portomarín, o CEIP Rosalía de Castro de Bóveda, o CPI Dr. López Suárez de Friol, o CEIP Terra Cha de Vilalba e o CEIP Concepción López de Baleira.

Certame escolar

No marco de ilustrarNós, a Vicepresidencia da Deputación convoca a cuarta edición do certame escolar de ilustración ilustrarNÓS,  que convida ao estudantes de 5 e 6 de Educación Primaria, ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos de Grao Medio  a sacar os lapis e os pinceis e representar graficamente o humor, o tema elixido para esta edición do certame. As bases do certame foron enviadas aos centros eductivos e están dispoñibles nesta ligazón. O prazo para enviar os traballos está aberto ata o 19 de maio, incluído.