A Vicepresidencia da Deputación reforzará o apoio económico ao Lugo Cultural
A deputada de Cultura Iria Castro participou esta mañá na presentación do Outono Cultural, que organiza a área de Cultura da Universidade de Santiago de Compostela no marco do Lugo Cultural co apoio da Vicepresidencia da Deputación e do Concello de Lugo.
A vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio Ana Cabana debullou a programación a a para os vindeiros catro meses, con concertos, proxeccións, exposicións, certames de fotografía, videocreación e paisaxes sonoras, foros de debate, espazos de divulgación e obradoiros de formación, en que destacan a presenza de artistas e investigadoras lucenses e que abre un espazo de reflexión específico arredor da memoria democrática.
A deputada valorou “a diversidade das propostas e a participación de artistas e creadoras emerxentes e lucenses” e o propósito da programación “que non é só unha axenda de espectáculos e actuacións que nos convidan a participar como público, senón que alenta a creatividade, convida a reflexionar sobre cuestións de actualidade e cultiva o pensamento crítico”.
Iria Castro anunciou o reforzo do apoio económico ao Lugo Cultural, que contará para a vindeira edición cunha achega de 30.000 euros da Vicepresidencia da Deputación -10.000 máis que nas últimas anualidades-.
Nese punto, a responsable provincial recoñeceu “a necesidade deste financiamento para manter a diversidade e calidade da programación” e destacou “o traballo da área de Cultura da USC e o coidado e atención que presta a propostas culturais emerxentes para conectar cos intereses e preferencias da mocidade”.
A programación completa pode consultarse na web da área de Cultura da Universidade de Santiago de Compostela
