O Pazo de San Marcos acolleu a entrega dos X Premios María Luz Morales, co apoio da Vicepresidencia da Deputación
O Pazo de San Marcos acolleu este xoves a entrega do X Premios María Luz Morales de ensaio e videoensaio sobre o audiovisual, que recoñeceron traballos das investigadoras Alba María Moledo Ucha, Lucía Estévez González, Uxía Bereixo e Sara Calvete Lorenzo.
Os premios, os únicos en Galiza centrado especificamente no ensaio sobre o audiovisual, están organizados pola Academia Galega do Audiovisual e teñen como obxectivo fomentar a investigación sobre o audiovisual en lingua galega. Contan co apoio da Área de Cultura, Patrimonio Histórico-Artístico e Normalización Lingüística da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, así como das outras tres deputacións provinciais.
A deputada de Cultura Iria Castro salientou a importancia de “seguir promovendo a investigación en ciencias sociais feitas na Galiza e en galego,apoiando as persoas que investigan e crean desde aquí e facilitando que poidan desenvolver o seu traballo no noso país”. Ademais, expresou a “alegría de poder recoñecer o labor de catro a mulleres investigadoras, con traballos de grande interese e unha mirada crítica ao mundo que nos rodea”.
Os premios levan o nome de María Luz Morales (A Coruña, 1889 – Barcelona, 1980), pioneira da crítica cinematográfica en España e figura destacada do xornalismo cultural do século XX. Chegou a ser a primeira muller en dirixir un xornal de ámbito nacional, La Vanguardia, durante a Guerra Civil Española.
Premiadas
Na categoría de Mellor ensaio escrito sobre audiovisual galego, o premio foi para "O cinema sobre o papel: interpretación da sétima arte na obra xornalística e editorial de María Luz Morales", de Alba María Moledo Ucha. O xurado destacou o coidado da investigación e da documentación sobre María Luz Morales e a súa relación co cinema. A través da súa actividade como crítica, xornalista e editora, o ensaio recupera unha figura fundamental para comprender a historia da cultura cinematográfica galega. A riqueza da escritura e o ton respectuoso empregado para abordar a súa traxectoria completan un traballo de notable interese.
O galardón ao Mellor videoensaio sobre audiovisual galego foi para "Un caderno dixital: A lesbiana no audiovisual galego", de Lucía Estévez González. A proposta achega unha lectura persoal da representación das mulleres lesbianas no audiovisual galego, a partir dun percorrido por diferentes obras e personaxes que permite identificar cambios, estereotipos e novas formas de representación. O xurado valorou a elección dos materiais e a consistencia da análise, así como unha montaxe fresca e dinámica que contribúe a facer máis atractivo o percorrido.
Na categoría de Mellor ensaio escrito sobre audiovisual internacional, o premio recaeu en "Odiar os luns. Unha reflexión sobre ficción audiovisual, traballo e clase", de Uxía Bereixo. O xurado destacou o vínculo que a proposta establece entre a análise cinematográfica, a experiencia vital do espectador e diferentes cuestións da sociedade contemporánea. A estrutura e a elección das temáticas resultan intelixentes e innovadoras, mentres que a diversidade de obras contribúe a articular unha reflexión con identidade propia. Para o xurado, trátase dun ensaio actual e crítico, escrito con riqueza e coidado, que invita a unha recepción activa.
Finalmente, o Mellor videoensaio sobre audiovisual internacional foi para "Como despezar o corpo feminino na pantalla", de Sara Calvete Lorenzo. O xurado salientou a personalidade da proposta e a maneira de empregar as posibilidades expresivas do videoensaio para articular unha reflexión que non se limita á descrición das obras. A análise, profunda e contrastada, detense no tratamento e na representación do corpo da muller, mentres que o ritmo, a construción do relato e o emprego da linguaxe audiovisual reforzan a coherencia e singularidade do conxunto.
O xurado desta décima edición dos Premios María Luz Morales estivo composto pola artista visual e xestora cultural Aldara Pagán, a profesora da UDC, especialista en comunicación, Finocha Formoso, e a comunicadora e xestora Miriam Rodríguez.
