Cultura
Deputación de Lugo

Publicada a resolución definitiva das subvencións para asociacións culturais da Vicepresidencia da Deputación

ÁREA DE CULTURA
asociacións culturais
 Xornada sobre boas prácticas culturais celebrada o pasado mes de xuño no Pazo de Tor.
A área de Cultura concede 554 axudas, que se distribúen, maioritariamente, entre pequenos colectivos culturais de todas as comarcas

Lugo, 6 de outubro de 2026.- O Boletín Oficial da Provincia de Lugo publicou este martes, 6 de outubro, a listaxe definitiva das asociacións  culturais beneficiarias das axudas  convocadas pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, cun importe total de 600.000 euros.

A resolución concede 554 axudas , 318 para a organización de actividades de interese cultural e 236 para investimentos en melloras e equipamentos de locais, con importes que oscilan entre os 800 e os 2.500, dacordo cos criterios establecidos nas bases.

A deputada de Cultura Iria Castro destacou “o traballo realizado polo servizo de Cultura para adiantar a resolución desta convocatoria, que tivo como todos os anos unha ampla demanda e que mostra o dinamismo do tecido cultural en todo a provincia”.

Foliada, magostos, actividades de teatro e maxia, obradoiros e clases de música e baile tradicional, xornadas de promoción e divulgación do patrimonio, certames de debuxo, pintura ou escritura, a edición de publicacións ou viaxes culturais figuran entre as actividades financiadas con estas axudas, que se distribuén, maioritariamente, entre pequenos colectivos culturais de todas as comarcas.

No tocante aos investimentos, repítense as solicitudes de axudas para a compra de equipamento audiovisual e informático e outros elementos relacionados coa produción e a organización de eventos culturais como mobiliario e iluminación.

As asociacións culturais teñen ata o 31 de marzo de 2027 para presentar a xustificación das subvencións. A documentación necesaria para realizar este trámite estará dispoñible desde mañá -7 de outubro – na web da Deputación de Lugo, no apartado de Cultura.