A Vicepresidencia da Deputación leva a sete concellos o documental “Prisciliano e a Gallaecia”
Nas próximas datas as proxeccións chegarán a Vilalba, Cervantes, Quiroga, Barreiros e Burela
A área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación promove a difusión do documental “Prisciliano e a Gallaecia” achegando a súa exhibición a diferentes concellos da provincia. Trátase dunha serie de encontros divulgativos sobre Prisciliano, que contará coa participación de Aser Álvarez, director do documental, Diego Piay, historiador, Victorino Pérez, experto en Prisciliano, e Xabier Correa Corredoira, membro do equipo artístico.
A deputada de Cultura Iria Castro destacou a relevancia deste documental “o primeiro que se realiza sobre a súa vida” que axuda á recuperación da figura do bispo, pois “non se ten divulgado o suficiente sobre a súa importancia histórica, xa normalizada en círculos académicos, pero non se achegou este coñecemento á poboación”
Nas últimas semanas xa se realizaron as proxeccións-coloquios nos concellos de Sarria e Ribadeo. A actividade divulgativa inclúe tamén a creación dun podcast no que se afondará na afondará na biografía desta figura, na influencia do seu pensamento, así como no seu contexto e na relación de Prisciliano coa Gallaecia.
Datas das proxeccións
- Vilalba – venres 9 de outubro
- Cervantes – sábado 10 de outubro
- Quiroga – venres 6 de novembro
- Barreiros – venres 13 de novembro
- Burela – domingo 15 de novembro
