A Vicepresidencia da Deputación reafirmou o seu apoio ao Breogán nun acto con xogadores e persoal técnico no Pazo de San Marcos
A Praza de San Marcos tinguiuse este mércores de celeste cun acto organizado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo que tivo como protagonistas aos xogadores e á afección do CB Breogán.
Os xogadores e o adestrador Luis Casimiro, acompañados polo equipo técnico e por Salva Arco e Tito Díaz, asinaron camisetas e posaron cos seareiros e seareiras que se achegaron ao acto no que a institución provincial visibilizou e reafirmou o seu apoio ao club.
O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro e o deputado de Mocidade Daniel García recibiron aos xogadores en San Marcos, onde se presentou o contrato de patrocinio que a Deputación de Lugo manterá co club celeste de cara á vindeira temporada, cun importe de 500.000 euros.
Efrén Castro destacou “o gran inicio de temporada do equipo, que está ilusionando ao breoganismo e que reforza tamén a imaxe da cidade e da provincia”. O vicepresidente da Deputación de Lugo ratificou o compromiso da institución co club “a través dun contrato de patrocinio que, ademais de dar soporte económico ao proxecto deportivo, reforza os seus lazos co tecido cultural e social da provincia” e que reafirma “a fortaleza do deporte como cadea de transmisión de valores ligados á inclusión, a solidariedade e a conservación do patrimonio”
Salva Arco valorou o apoio da institución provincial, sostido ao longo do tempo, e “de referencia para outras cidades e clus polas sinerxias que foi quen de xerar”, con accións que “impulsan a nosa cultura, a nosa lingua, os nosos lugares e os nosos tesouros musicais” e que destaca tamén “polo compromiso social ofrendo o Pazo como altofalante” a asociacións do ámbito social lucense. Un club con sesenta anos de historia sabe ben que nada do conseguido se logra en solitario”, concluíu o director xeral do Breogán.
Na liña dos últimos anos, o acordo implicará, ademais da presenza da imaxe institucional nas equipacións, a participación do club – con xogadores, persoal técnico e outros recursos -en actividades de promoción do deporte en centros escolares e clubs de base. O Breogán tamén cederá a súa imaxe para accións de promoción do traballo de asociacións do ámbito social, prestando o altofalante que ten o club -pola súa repercusión deportiva e social- para visibilizar a labor destes colectivos.
O Proxecto Ariadna, unha aplicación impulsada pola Sociedade Española de Cardioloxía, a Fundación Española do Corazón e a Cruz Vermella para elaborar de forma colaborativa un mapa de desfibriladores, as campañas da Axencia Galega de Doazón de Sangue, os programas de apoio e acompañamento de Afalu, as actividades de ocio inclusivo de Diversa Sarria, as campañas de sensibilización de Asorlu ou o traballo de cerámica e serigrafiado das persoas usuarias da Fundación Eu Son son algunhas das iniciativas que se visibilizaron a campaña pasada a través do patrocinio entre a institución provincial e o club.
