PROXECTOS MULTIDISCIPLINARES

Por medio do Obradoiro de instrumentos musicais, a Deputación de Lugo veu desenvolvendo un papel fundamental na revitalización da nosa cultura coa formación de artesáns e intérpretes e achegando os instrumentos musicais para as asociacións que o demandaban co fin de facilitar a incorporación das novas xeracións, asegurando así o futuro. Unha vez superado ese momento de carencia de profesionais e conscientes da competencia desleal, orientouse o esforzo cara a outros proxectos que requiriran investimento económico e de tempo, aínda que co mesmo obxectivo de beneficiar o sector artesán, propoñéndolles novas liñas de traballos que favorezan a recuperación de patrimonio e, mesmo, abrisen novas vías de comercialización. Os obradoiros particulares xa se atopan inmersos na procura do seu son.

 

Neste terreo, a primeira experiencia foi froito da colaboración, no ano 1990, coa Fundación Barrié de la Maza para o seu proxecto de estudo e reconstrución dos instrumentos do Pórtico da Gloria na montaxe dun obradoiro en Santiago, preto da catedral, con ferramentas, persoal de oficio e a súa coordinación. Desa experiencia aprendemos moito e, favorecida pola sintonía coa presidencia da institución, inícianse unha serie de colaboracións con artesáns, organólogos, historiadores de arte e músicos para acometer unha serie de proxectos multidisciplinares que nos redescubriu a gloria do noso pasado.

 

Destes equipos humanos destaca a figura de John Wright, coñecedor das tradicións en Europa, estudoso incansable que nunca tiña présa, humilde, intelixente e divertido. Foron numerosas as súas achegas, desde a trompa de boca ata os instrumentos medievais, dos que foi responsable da encordaxe e afinación e na elección do equipo de músicos para presentalos ao publico; gravaron o disco Compostela medieval que foi publicamente recoñecido en Francia, no 1999, e mesmo participou no carnaval lucense disfrazado de elefante co seu violín.

 

Contidos relacionados


DESCARGABLES

Desenvolvemento teórico cítola Xelmírez

Desenvolvemento teórico cítola Xelmírez 2

Desenvolvemento teórico viola Xelmírez

Representación gráfica organistrum Xelmírez