Cultura
Deputación de Lugo

Deputación e Asociación Cultural Fiadeira renovan a súa colaboración para promover a música tradicional lucense

Antas de Ulla
Colaboración coa asociación cultural Fiadeira de Antas de Ulla
O organismo provincial achega 9.000 euros para gastos derivados do proxecto Europeade, FAM e Clases, que permitirá a difusión do folclore lucense e galego

García Porto destacou o papel primordial deste colectivo “ao fomentar e dar a coñecer a nivel europeo, a través deste programa, a cultura musical da nosa provincia, a través dos bailes, instrumentos, traxes típicos e cancións”

A achega do organismo provincial está dirixida á promoción dos valores culturais, patrimoniais e etnográficos da provincia de Lugo

O Goberno da Deputación renova a súa colaboración coa Asociación Cultural Fiadeira de Antas de Ulla, para a difusión da música tradicional en Europa. Faino cunha achega de 9.000 euros co obxectivo de dar a coñecer a cultura galega a través da música tradicional, o folclore e os traxes tradicionais.

A achega do organismo provincial está enmarcada dentro do proxecto da asociación, Europeade, FAM e Clases, que xira arredor da promoción dos valores culturais, patrimoniais e etnográficos da provincia de Lugo, a través da participación no festival europeo Europeades; no Festival da Amizade musical (FAM), que ten lugar en Antas de Ulla; e a través de obradoiros relacionados coa música tradicional.

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, subliñou que “o feito de que a Asociación Cultural Fiadeira participe nun evento europeo como é Europeade no que participan cada ano arredor de 5.000 bailaríns, músicos e cantantes de toda Europa, para impulsar a cultura dos pobos, e no que desfilan cos seus traxes típicos, significa unha gran difusión para a cultura galega fóra das nosas fronteiras”.

García Porto destacou o papel primordial deste colectivo “ao fomentar e dar a coñecer, a través deste programa a cultura musical da nosa provincia, a través dos bailes, instrumentos, traxes e cancións. Trátase dun importante intercambio cultural no que participan grupos de tódalas nacionalidades europeas”.

Festival da Amizade Musical de Antas de Ulla
O FAM é un festival de música tradicional que se vén facendo na Comarca da Ulloa, coa colaboración da Deputación. En 2018 celebrouse a quinta edición deste evento que difunde a cultura galega a través da música, perseguindo o intercambio cultural e de experiencias musicais, como canto galego e bailes.

Obradoiro de instrumentos
A Asociación Cultural Fiadeira organizou un obradoiro de instrumentos caseiros de percusión, coa axuda da Deputación. A actividade achegou aos participantes aos instrumentos de percusión menos empregados, como culleres, pinas, morteiro, prato de porcelana, táboa de fregar, ferriño ou sacho.

 

Colaboración coa asociación cultural Fiadeira de Antas de Ulla