Unha exposición de Silvia García reflexiona sobre a identidade no Pazo de Tor
Lugo, 5 de decembro de 2019.- O Museo Pazo de Tor acolle, desde hoxe e ata o próximo 26 de xaneiro de 2020, a exposición Rastro material. Aprender do arquivo (Notas para a construción dun arquivo de Ephemera), de Silvia García González. Unha intervención no Pazo que reflexiona sobre a construción da identidade, na que libros de artista e colaxes en tres dimensións interaccionan cos obxectos cotiáns presentes no Pazo.
A Exposición encádrase dentro do proxecto da Rede Museística “Eu, ti, elas, eles, nosoutras, nosoutrxs en Rede” que abre os museos da Rede a artistas e colectivos para facilitar o diálogo da institución coa sociedade, sempre desde unha perspectiva de xénero e tendo en conta a diversidade.
Silvia García
A artista, nacida en Cangas do Morrazo en 1973 é doutora en Belas Artes e investigadora no campo da arte e novas tecnoloxías, actualmente imparte clases na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, anteriormente traballou no departamento de actividades e educación do CGAC.