Cultura
Deputación de Lugo

Unha exposición de Silvia García reflexiona sobre a identidade no Pazo de Tor

rede museística
Museo Pazo de Tor
Rastro material. Aprender do arquivo (Notas para a construción dun arquivo de Ephemera) é unha intervención na que libros de artista e colaxes en tres dimensións interaccionan cos obxectos cotiáns presentes no Pazo.

Lugo, 5 de decembro de 2019.- O Museo Pazo de Tor acolle, desde hoxe e ata o próximo 26 de xaneiro de 2020, a exposición Rastro material. Aprender do arquivo (Notas para a construción dun arquivo de Ephemera), de Silvia García González. Unha intervención no Pazo que reflexiona sobre a construción da identidade, na que libros de artista e colaxes en tres dimensións interaccionan cos obxectos cotiáns presentes no Pazo.

A Exposición encádrase dentro do proxecto da Rede Museística “Eu, ti, elas, eles, nosoutras, nosoutrxs en Rede” que abre os museos da Rede a artistas e colectivos para facilitar o diálogo da institución coa sociedade, sempre desde unha perspectiva de xénero e tendo en conta a diversidade.

Silvia García
A artista, nacida en Cangas do Morrazo en 1973, é doutora en Belas Artes e investigadora no campo da arte e novas tecnoloxías, actualmente imparte clases na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, anteriormente traballou no departamento de actividades e educación do CGAC.