Cultura
Deputación de Lugo

A área de Cultura colabora con Hipócrita Teatro na celebración do seu 15 aniversario

Maite Ferreiro
teatro amador
ASPACE
Presentación 15 aniversario Hipócrita Teatro
15 anos de moita merda conta coa participación de artistas, actores e cómicos de recoñecido prestixio na cidade de Lugo e a recadación destinaranse a ASPACE Lugo.

Lugo, 13 de xaneiro de 2020.- O Grupo de Teatro afeccionado Hipócrita Teatro celebrará este sábado no Auditorio Gustavo Freire unha gala solidaria para conmemorar o seu 15 aniversario. 15 anos de moita merda conta coa participación de artistas, actores e cómicos de recoñecido prestixio na cidade de Lugo e coa colaboración da área de Cultura da Deputación. A recadación da gala destinaranse a ASPACE Lugo.

No acto de presentación da Gala, que tivo lugar este luns, a Vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, destacou “o esforzo que supoñen 15 anos traballando en prol do teatro, creando producións propias e orixinais e programando unha ampla variedade de obras no seu Local Hipócrita, que serve para fomentar o amor polo teatro e ampliar a oferta cultural da cidade”.

María José García, de Hipócrita Teatro agradeceu a Deputación e ao Concello o apoio dado a esta iniciativa, e lembrou que este aniversario representa o traballo voluntario de toda a xente que pasou pola asociación. Pola súa parte, a Secretaria de ASPACE Lugo, Quimi García,  agradeceu tamén as institucións colaboradoras e a Hipócrita Teatro esta axuda que “servirá para seguir programando actividades para os nosos usuarios e mellorar cada día a súa calidade de vida”.

Ademais da gala, a celebración inclúe unha exposición no vestíbulo do Auditorio sobre os 15 anos de historia da Compañía, e entregaranse os VI Hipopremios que recoñecen os espectáculos mellor valorados polo público do Local Hipócrita, durante o 2019, e que serán entregados polos gañadores da  pasada edición “Matapiollos” e “El Retrete de Dorian Gray”. As entradas estarán dispoñibles na billeteira unha hora antes do comezo da gala e terán un prezo de 10 euros.