A área de Cultura colabora con Hipócrita Teatro na celebración do seu 15 aniversario
Lugo, 13 de xaneiro de 2020.- O Grupo de Teatro afeccionado Hipócrita Teatro celebrará este sábado no Auditorio Gustavo Freire unha gala solidaria para conmemorar o seu 15 aniversario. 15 anos de moita merda conta coa participación de artistas, actores e cómicos de recoñecido prestixio na cidade de Lugo e coa colaboración da área de Cultura da Deputación. A recadación da gala destinaranse a ASPACE Lugo.
No acto de presentación da Gala, que tivo lugar este luns, a Vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, destacou “o esforzo que supoñen 15 anos traballando en prol do teatro, creando producións propias e orixinais e programando unha ampla variedade de obras no seu Local Hipócrita, que serve para fomentar o amor polo teatro e ampliar a oferta cultural da cidade”.
María José García, de Hipócrita Teatro agradeceu a Deputación e ao Concello o apoio dado a esta iniciativa, e lembrou que este aniversario representa o traballo voluntario de toda a xente que pasou pola asociación. Pola súa parte, a Secretaria de ASPACE Lugo, Quimi García, agradeceu tamén as institucións colaboradoras e a Hipócrita Teatro esta axuda que “servirá para seguir programando actividades para os nosos usuarios e mellorar cada día a súa calidade de vida”.
Ademais da gala, a celebración inclúe unha exposición no vestíbulo do Auditorio sobre os 15 anos de historia da Compañía, e entregaranse os VI Hipopremios que recoñecen os espectáculos mellor valorados polo público do Local Hipócrita, durante o 2019, e que serán entregados polos gañadores da pasada edición “Matapiollos” e “El Retrete de Dorian Gray”. As entradas estarán dispoñibles na billeteira unha hora antes do comezo da gala e terán un prezo de 10 euros.